Medio Rural leva 25 anos avaliando a calidade e rendibilidade do millo forraxeiro en Galicia

O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) conmemora cunha xornada específica o seu cuarto de século realizando ensaios co millo forraxeiro para analizar as variedades comerciais máis utilizadas na nosa comunidade

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, á que está adscrito o CIAM, foi o encargado de abrir un foro que inclúe relatorios sobre a incidencia do fungo fusarium neste cultivo, as recomendacións para a fertilización ou as variedades comerciais

Abegondo (A Coruña), 23 de abril de 2025

O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), dependente da Consellería do Medio Rural, leva un cuarto de século realizando ensaios co millo forraxeiro para analizar a rendibilidade e calidade das variedades comerciais máis utilizadas en Galicia.

Co fin de conmemorar este fito, o CIAM organizou a xornada 25 anos de ensaios de variedades comerciais de millo forraxeiro en Galicia, que foi inaugurada esta mañá por Martín Alemparte, director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, á que está adscrito este centro investigador.  

Na súa intervención, o director destacou a importancia deste tipo de foros para avanzar na transferencia de coñecementos ao sector agrario e puxo tamén en valor o millo forraxeiro como elemento fundamental á hora de avaliar a rendibilidade das explotacións nun ámbito tan importante como é a alimentación do gando.

O programa desta xornada conmemorativa inclúe relatorios sobre aspectos como a incidencia do fungo fusarium neste cultivo, as recomendacións para a fertilización do millo forraxeiro ou as súas variedades comerciais, entre outros temas de interese para o sector.

Como relatores, participan investigadoras do propio CIAM, unha técnica en produción vexetal da USC e unha experta do Principado de Asturias, que falará sobre o millo forraxeiro como unha oportunidade para mellorar a rendibilidade das explotacións agrogandeiras da Cornixa cantábrica.

A xornada, que se desenvolve nas instalacións do CIAM, pecharase co foro de debate O millo cambiou a sociedade ou a sociedade cambiou o millo, con participación de relatores e asistentes e que estará moderado polo director executivo da publicación especializada Vaca Pinta.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/04/2025