A Xunta publica o nomeamento e elección de destino definitivo para diversas especialidades da categoría de facultativo especialista de área e de persoal licenciado sanitario
Supón a incorporación de 349 profesionais, 125 polo sistema concurso-oposición e 224 por concurso de méritos, en diversas especialidades da categoría de facultativo especialista de área
As persoas nomeadas dispoñen do prazo dun mes para incorporarse á praza adxudicada
Os nomeamentos publicados hoxe no Diario Oficial de Galicia engádense aos 125 profesionais nomeados o pasado 9 de abril en diversas especialidades da categoría de facultativo especialista de área e de persoal licenciado sanitario
Santiago de Compostela, 23 de abril de 2025
O Diario Oficial de Galicia publica na súa edición de hoxe o nomeamento como persoal estatutario fixo dos aspirantes que superaron os procesos selectivos por concurso-oposición (resolucións do 14 e 15 de decembro de 2022), e por concurso de méritos (resolucións do 26 de decembro de 2022), para o ingreso en diversas especialidades da categoría de facultativo especialista de área e de persoal licenciado sanitario.
Isto suporá a incorporación de 349 profesionais ás institucións do sistema sanitario público de Galicia con condición de fixeza. Delas 224 pertencen ao procedemento por concurso de méritos e 125 ao proceso por concurso-oposición.
Os nomeados disporán do prazo dun mes, a contar desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para incorporarse á praza adxudicada.
A falta de incorporación no prazo referido, cando sexa imputable á persoa interesada e non responda a causas xustificadas, producirá o decaemento do seu dereito a obter a condición de persoal estatutario fixo como consecuencia do concreto proceso selectivo. No entanto, en casos de forza maior, e por instancia do interesado, a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde poderá prorrogar o prazo de toma de posesión.
Os aspirantes seleccionados poden dirixir todas as dúbidas e consultas relacionadas co procedemento de elección de destinos ao enderezo de correo electrónico: oposicions@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de reclamacións nin recursos.