Belén do Campo visita a unidade de doazón de sangue da campaña estival ‘Un alento de vida’ que chega ao concello do Porto do Son

O municipio coruñés acadou no 2025, con 281 doazóns, un índice de participación de 31 doazóns por cada 1000 habitantes e ano

Ao redor de 170 concellos recibirán a visita das unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue co obxectivo de obter 400 doazóns diarias no período estival

O Porto do Son (A Coruña), 27 de xullo de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo director de xestión de ADOS, José Luis Beiras e por concelleiros do Porto do Son,  visitou, esta mañá, a unidade de doazón de sangue no concello do Porto do Son que se suma á campaña de verán Un alento de vida, que desenvolve a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) co obxectivo de fomentar a participación cidadá durante os meses de verán.

Esta iniciativa achegará a doazón a máis de 170 concellos galegos entre o 15 de xuño e o 31 de agosto, con 800 desprazamentos, tentando garantir a participación dos galegos e galegas nas campañas da ADOS durante o período estival e obter ao redor de 22.000 doazóns de sangue co obxectivo de 400 doazóns diarias xa que son as doazóns necesarias para garantir o axeitado abastecemento de compoñentes sanguíneos aos nosos hospitais.

Esta cifra se mantén nos meses de verán, un período especialmente sensible por mor da deslocalización dos doantes habituais. Neste senso, Belén do Campo, lembrou que nestes dous últimos días, 23,24 e hoxe 27 de xullo as unidades de doazón de sangue estarán en 15 concellos da provincia da Coruña. Neste campaña que se iniciou en xullo e  rematará en agosto as unidades móbiles estarán en 7 concellos do Barbanza de Porto do Son, Rianxo, Muros, Boiro, A Pobra, Ribeira e Noia

A delegada da Xunta lembrou que no ano 2025 realizáronse 105.333 doazóns en toda Galicia tres puntos por encima da media nacional e no que levamos de ano, a día de hoxe, xa se realizaron 60.000 doazóns.

Colaboración fundamental

A campaña Un alento de vida lembra a importancia de procurar unha oportunidade de curación para moitos enfermos que só poden brindarlle os doantes de sangue que, co seu xesto solidario, contribúen ao posibilitar o tratamento de moitos doentes atendidos no noso sistema público de saúde.

Esta iniciativa quere chamar a atención sobre a necesidade de doar aínda que sexa verán e desfrutemos de vacacións, lembrando que as unidades móbiles tamén terán unha importante presenza en municipios de costa e eminentemente vacacionais.

Elevar a participación

A Axencia quere amosar o seu agradecemento ao Concello do Porto do Son pola súa implicación e decidido compromiso no desenvolvemento das campañas de doazón de sangue, así como o recoñecemento a todos os veciños e veciñas de o Porto do Son que doan sangue.

Neste sentido, lembrar que no pasado 2025, este municipio coruñés acadou, con 281 doazóns, unha taxa de 31 doazóns por cada 1000 habitantes e ano, o obxectivo pasa por incrementar progresivamente a participación cidadá.

A Axencia convida á veciñanza do Porto do Son a acudir a doar sangre, lembrando que pode participar calquera persoa maior de 18 anos, que pese máis de 50 quilos e non padeza nin teña padecido enfermidades transmisibles polo sangue.

Para máis información, ADOS dispón do portal web: ados.sergas.gal, as redes sociais, e o teléfono gratuíto: 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/07/2026