A directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade participou na clausura do Encontro Sectorial da Asociación Española de Recicladores e Recuperadores de Papel

A Xunta salienta a contribución do sector do papel reciclado ao cumplimento dos obxectivos en materia de economía circular e neutralidade climática

María José Echevarría explica que Galicia xa supera os obxectivos marcados para o ano 2030 tanto en porcentaxe de recollida separada como de reciclaxe

Indica que este sector pode marcar o camiño a seguir para outros fluxos emerxentes ou que presentan unha maior complexidade de tratamento

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2025

A Xunta de Galicia puxo en valor a contribución do sector do papel reciclado ao cumprimento dos obxectivos en materia de economía circular e neutralidade climática.

Deste xeito, segundo dixo a directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, María José Echevarría, durante o acto de clausura do Encontro Sectorial da Asociación Española de Recicladores e Recuperadores de Papel e Cartón (Repacar), Galicia xa supera os obxectivos marcados para o ano 2030 pola normativa tanto en porcentaxe de recollida separada como de reciclaxe.

Durante a súa intervención, Echevarría avogou por seguir avanzando tanto na cantidade de papel recuperado como no que atinxe á optimización dos procesos. Nese senso, lembrou que o Goberno galego ten a colaboración público-privada, os incentivos á innovación e a simplificación administrativa como liñas mestras de cara a favorecer un desenvolvemento sostible.

Así, fixo fincapé na aprobación dos novos plans autonómicos de xestión de residuos municipais e industriais que inclúen medidas específicas para contribuír ao esforzo de adaptación que deben facer tanto as administracións como as empresas, os sistemas de responsabilidade ampliada do produtor e a cidadanía.

Nesa liña, a directora xeral, ademais de incidir na importancia de seguir concienciando á cidadanía da necesidade de facer unha recollida selectiva de calidade, subliñou que é fundamental o sector público actúe como exemplo á poboación. De feito, desde a Administración, tanto a Estratexia Galega de Economía Circular como as guías de compra pública verde recomendan o emprego de papel reciclado.

A maiores, Echevarría indicou que Repacar pode servir de exemplo do potencial de crecemento do sector da xestión de residuos. A recuperación e reciclaxe do papel é un sector consolidado, que dá traballo a 53 entidades en Galicia e que pode marcar o camiño a seguir para outros fluxos emerxentes ou que presentan unha maior complexidade de tratamento.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/04/2025