A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse co alcalde da localidade

A Xunta e o Concello de Lalín abordan diversos proxectos para mellorar o saneamento na localidade

Ángeles Vázquez lembra que o Goberno galego ten o firme compromiso de apoiar técnica e economicamente aos concellos para que poidan exercer as súas competencias en materia de augas dun xeito máis eficiente

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2026

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, reuniuse hoxe co alcalde de Lalín, José Crespo, para abordar diversos proxectos municipais para mellorar o servizo de saneamento neste concello pontevedrés.

Durante unha reunión que mantiveron hoxe en Santiago de Compostela, a conselleira e o rexedor coincidiron na necesidade de seguir avanzando no desenvolvemento de iniciativas que permitan ofrecer un servizo eficiente e de calidade á veciñanza.

Esas actuacións, que serán estudadas por persoal municipal e polos técnicos de Augas de Galicia completarían as melloras xa acadadas coa construción do tanque de tormentas de Pontiñas e dos colectores interceptores, que supoñen un aumento da capacidade de almacenamento na rede de saneamento ante episodios de choiva e un incremento da capacidade de depuración da EDAR.

Nesa liña, a conselleira lembrou que o Goberno galego ten o firme compromiso de apoiar técnica e economicamente aos concellos, tal e como vén facendo desde hai anos, para que poidan exercer as súas competencias en materia de abastecemento e de saneamento dun xeito máis eficiente.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/07/2026