A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou hoxe o Pazo de Valiñas, no Concello da Estrada
A Xunta concede máis de 30 axudas por un importe de 90.000€ para actuacións de conservación, protección e mellora das árbores e formacións senlleiras
Ángeles Vázquez sinala que o obxectivo destes apoios é contribuír a garantir a preservación deste patrimonio natural na Comunidade
Outorga 23 subvencións a 14 entidades propietarias ou particulares e 10 axudas distribúense entre 7 concellos
O catálogo galego de árbores senlleiras suma xa no conxunto da Comunidade 202 elementos, pertencentes a 84 especies diferentes
A Estrada (Pontevedra), 24 de abril de 2024
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, avanzou hoxe que a Xunta concede máis de 30 axudas por un importe de 90.000 euros para executar actuacións de conservación, protección e mellora de exemplares incluídos no Catálogo galego de árbores senlleiras, que conta na actualidade con algo máis de 200 exemplares e formacións.
Segundo salientou a conselleira durante a visita que realizou esta mañá ao Pazo de Valiñas, localizado no Concello da Estrada, estes apoios teñen como obxectivo contribuír a garantir a preservación deste patrimonio natural na Comunidade. De feito, esta é a oitava convocatoria destas axudas, que, desde 2020, teñen unha periodicidade anual.
En concreto, Ángeles Vázquez indicou que no caso da liña de axudas a entidades propietarias ou particulares, 14 beneficiarios reciben 23 subvencións por un importe total de 60.000 euros. Entre elas, está precisamente a concedida á sobreira do Pazo de Valiñas, que hoxe visitou a conselleira xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera. Trátase dun exemplar duns 300 anos e 23 metros de altura que está considerado unha das sobreiras “máis fermosas de Galicia”, subliñou Ángeles Vázquez.
A maiores, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático concedeu 30.000 euros en 10 subvencións a 7 concellos no marco da liña de axudas a administracións locais.
Entre o tipo de intervencións subvencionables está a realización de podas e control das copas, a aplicación de tratamentos fitosanitarios, accións encamiñadas á conservación e mellora do entorno dos elementos catalogados, actuacións de divulgación e sinalización, e a realización de estudos dos exemplares.
A conselleira fixo fincapé en que o Catálogo galego de árbores e formacións senlleiras é unha ferramenta aberta e en constante actualización, xa que poden propoñer a inclusión de elementos novos os seus propietarios, as administracións, os centros de investigación ou as asociacións e entidades públicas ou privadas que teñan entre os seus fins a protección da natureza.
De feito, segundo apuntou Ángeles Vázquez, desde a aprobación do seu regulamento no ano 2007, este inventario de carácter administrativo foi obxecto de diversas revisións e periodicamente sométense a información pública novas propostas para valorar a incorporación de exemplares con valores salientables. Na actualidade, o catálogo suma un total de 202 elementos rexistrados (155 exemplares e 47 formacións arbóreas) pertencentes a 84 especies diferentes e coa seguinte distribución:
|
PROVINCIA |
ÁRBORES |
FORMACIÓNS |
TOTAL |
|
A Coruña |
43 |
14 |
57 |
|
Lugo |
35 |
7 |
42 |
|
Ourense |
22 |
6 |
28 |
|
Pontevedra |
55 |
20 |
75 |
|
Galicia |
155 |
47 |
202 |