A Unidade de Policía Nacional adscrita de Galicia esclarece un incendio forestal no concello de San Cibrao das Viñas

O lume debeuse a unha queima de restos agrícolas descontrolada que se realizou sen as debidas medidas de seguridade

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2025

Axentes do Grupo de Investigación de Incendios da Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia en Ourense esclareceron un incendio forestal rexistrado o 8 de abril en San Cibrao das Viñas.

O incendio rexistrouse na parroquia de Valiñas-Pazos de San Clodio e afectou a 0,36 hectáreas de superficie arborada. Nunha inspección ocular, os axentes observaron indicios de que o lume fora provocado por unha queima descontrolada na que non se tomaran as debidas medidas de seguridade. Na extinción participaron un helicóptero, un axente forestal, tres brigadas e dúas motobombas. As dilixencias foron remitidas ao Xulgado de Instrución en funcións de garda de Ourense.

Neste caso resultou investigada unha persoa. No que vai de campaña, a UPA leva nove persoas detidas ou investigadas como presuntas autoras de incendios forestais.

A Xunta apela á concienciación e á prudencia de cara a evitar o rexistro de incendios. Así mesmo, o Goberno galego lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar no caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.

Data de actualización: 24/04/2025