O director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saude interveu no acto de inauguración da `XXXIII Reunión Anual da Sociedade Española de Sono: sono reparador, un camiño cara á saúde integral´
O Servizo Galego de Saúde remarca o labor das unidades do sono das sete áreas sanitarias no diagnóstico precoz do insomnio ou da apnea
O departamento sanitario galego avanza en atención clínica e, ademais, aposta pola investigación e innovación no estudo dos trastornos do sono
Alfredo Silva pon en valor o traballo da Sociedade Española do Sono e de todos os profesionais que con seu esforzo, dedicación e investigación contribúen cada día a que se comprenda mellor a importancia dun descanso reparador
Salienta a recente posta en marcha no Hospital de Montecelo dun proxecto de intelixencia artificial para optimizar o diagnóstico de trastornos do sono
Santiago de Compostela, 24 de abril de 2025
O director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Alfredo Silva, remarcou hoxe o labor das unidades das sete áreas sanitarias e a súa achega ao diagnóstico precoz e a abordaxe integral dos trastornos como o insomnio ou a apnea.
O representante do departamento sanitario galego, acompañado do xerente da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Ángel Facio, interveu no acto de inauguración da XXXIII Reunión Anual da Sociedade Española de Sono: sono reparador, un camiño cara á saúde integral.
Neste foro, Alfredo Silva detallou que en cada unha das unidades se ofrecen servizos especializados para o diagnóstico e tratamento de patoloxías como a apnea construtiva do sono, o insomnio ou a síndrome de pernas inquedas.
O director xeral referiu que o Servizo Galego de Saúde, consciente do impacto do sono sobre funcións inmunolóxicas, metabólicas e cognitivas, aposta, así mesmo, pola investigación e innovación no estudo de trastornos do sono mediante tecnoloxías innovadoras coas que mellorar a atención ao paciente e obter diagnósticos máis rápidos e precisos, ademais da formación continua dos seus profesionais.
Ao respecto, citou como exemplo a recente implantación na unidade do Hospital de Montecelo, en Pontevedra, dun proxecto de intelixencia artificial para optimizar os tempos dedicados á revisión e análise das probas diagnósticas.
Na súa intervención, Alfredo Silva dixo que Galicia é referente en persoas centenarias, con máis de 2.000 e esa lonxevidade se apoia en tres piares fundamentais como son unha alimentación equilibrada, a actividade física e un sono reparador.
Para rematar a súa intervención, o director xeral puxo en valor o traballo da Sociedade Española de Sono e de todos os profesionais que con seu esforzo, dedicación e investigación contribúen cada día a que se comprenda mellor a importancia dun descanso reparador.