O delegado territorial da Xunta visitou esta mañá a empresa Bodegas Tabú S.L.N.E., no concello de Oímbra

A Xunta destinou preto de 1 M€ para a reestruturación e reconversión de viñedos, que beneficiaron a 76 viticultores da provincia de Ourense

Manuel Pardo lembrou a recente publicación no Diario Oficial de Galicia da nova orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan as axudas deste ano que contan cun orzamento de 4 M€ e cuxo prazo de solicitude está aberto

Para o delegado territorial, o obxecto desta liña de achegas é incrementar a competitividade das explotacións vitícolas, adaptar o cultivo do viñedo ao cambio climático e facelo ambientalmente máis sustentable

O representante do Goberno galego destacou que estas axudas baséanse na reconversión varietal, para que aquelas explotacións con viñas antigas poidan substituílas por variedades autóctonas, máis resistentes ás condicións climáticas e que produzan viños de maior calidade e máis demandados no mercado

Ourense, 24 de abril de 2025

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá ao concello de Oímbra para, acompañado da súa alcaldesa, Ana María Villarino, visitar a adega ‘Bodegas Tabú S.L.N.E.’, unha das 76 beneficiarias das axudas concedidas ao abeiro da orde de 2022 para apoiar a reestruturación e reconversión da viña en Galicia nas que a  Consellería do Medio Rural destinou preto dun millón de euros para operacións encamiñadas á reimplantación de viñedo, á reconversión varietal ou á mellora das técnicas de xestión das viñas.

O delegado territorial explicou estas achegas teñen como finalidade incrementar a competitividade das explotacións vitícolas, adaptar o cultivo do viñedo ao cambio climático e facelo ambientalmente máis sustentable. Neste sentido, con estas axudas, tamén búscase perfeccionar o cultivo da vide en Galicia para reducir custos e orientarse mellor aos diferentes mercados, potenciando o grao de profesionalización cos conseguintes beneficios económicos para este tipo de explotacións, ao tempo que se promove a remuda xeracional.

Manuel Pardo aproveitou a súa estadía nesta adega, pertencente á DO Monterrei, para lembrar a publicación no Diario Oficial de Galicia da nova orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan as axudas deste ano á reestruturación e reconversión da viña en Galicia, que contan cun orzamento de 4 millóns de euros para os exercicios de 2025, 2026 e 2027 e cuxo prazo de solicitude está aberto.

O representante do Goberno galego subliñou que serán subvencionables as actuacións relacionadas coa replantación con ou sen sistema de condución, a reconversión de viñedos por cambios de variedade, a mellora de técnicas de xestión e a replantación de viñedos cando sexa necesario tras o arrinque obrigatorio por motivos sanitarios ou fitosanitarios por orde da autoridade competente.

Durante o percorrido polas instalacións, Manuel Pardo destacou que a reconversión do viñedo é unha ferramenta estratéxica para a nosa comunidade. Estas achegas baséanse na reconversión varietal, para que aquelas explotacións con viñas antigas poidan substituílas por variedades autóctonas, máis resistentes ás condicións climáticas e que produzan viños de maior calidade e máis demandados no mercado.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/04/2025