A Xunta axusta o percorrido de dúas liñas urbanas en ferrol logo da reapertura parcial da avenida das Pías
As liñas Caranza-Praza Vella e Praza Vella-Caranza deixarán de percorrer a rúa Telleiras e volverán á avenida das Pías
Créase unha nova parada no Bertón que se suma á de Vv. Bazán para darlle servizo a estas liñas en ambos os sentidos
Ferrol, 25 de abril de 2025
A Xunta axustará desde o próximo luns, 28 de abril, o percorrido das liñas de autobús Caranza–Praza Vella e Praza Vella–Caranza, na cidade de Ferrol, que fora modificado para adecuar o servizo ás obras na estrada FE-14, de competencia estatal.
O percorrido de ambas as liñas (coñecidas como liña C para o público) volverá circular pola avenida das Pías coa creación dunha nova parada no Bertón, que se incorpora na liña Caranza–Praza Vella, e coa recuperación da parada Vv. Bazán no sentido Praza Vella – Caranza.
O itinerario dos servizos en ambos os dous sentidos desviárase pola rúa Telleiras para acomodar as obras das Pías, utilizando as paradas de Antonio Escaño e Telleiras, que a partir deste luns xa non estarán dispoñibles en ningunha das dúas liñas.
Cómpre lembrar que a Xunta consensuara as solucións para os desvíos temporais nos servizos de transporte público co Ministerio de Transportes, co Concello de Ferrol e coa asociación de veciños de Caranza, avaliando as alternativas máis adecuadas para o conxunto das liñas.
A información actualizada sobre os servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.