A Xunta dá luz verde ambiental con condicións á construción dun campamento de turismo en Bueu
A resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé que a instalación teña impactos significativos sobre a contorna sempre que se cumpran os condicionantes fixados no propio informe ambiental e na documentación avaliada
O proxecto ocupará unha superficie de 16.041,11 m2 na parroquia de Beluso e contará con 8 cabanas de madeira e outras instalacións de carácter comunitario
Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2026
A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental con condicións ao proxecto para construír un campamento de turismo baixo a denominación Forqueiros Sur na parroquia de Beluso, no concello de Bueu.
Segundo se conclúe no informe de impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), non son previsibles efectos adversos significativos sobre a contorna derivados do proxecto sempre que se cumpra cos condicionantes fixados tanto no documento ambiental como nos informes analizados, así como no programa de vixilancia deseñado ao abeiro da iniciativa.
Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada desta iniciativa, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública ao tempo que foron consultados un total de 11 organismos interesados.
Froito desas consultas, as entidades realizaron a súa valoración e fixaron condicionantes que se engaden aos incluídos no programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.
Esas avaliacións consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpra con certos condicionantes establecidos nos respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera, poboación e saúde; das augas e leitos fluviais; do solo e infraestruturas; da fauna, vexetación e outros valores ambientais; do patrimonio cultural así como nos eidos da integración paisaxística e da xestión de residuos.
Unha vez emitido o IIA, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente elixibles para poder desenvolver o proxecto, remitiuse a resolución ao órgano substantivo —a Axencia de Turismo de Galicia— e dáselle publicidade mediante o correspondente anuncio no DOG e a través da páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
En canto ao proxecto, promovido por SCJF Realty, SL, consiste na implantación dun aloxamento turístico rural, tipo cámping, que ocupará unha superficie total de 16.041,11 metros cadrados que permitirán a instalación de 8 cabanas de madeira de 40 metros cadrados cada unha, compostas por cociña, cheminea, baño, dormitorio, jacuzzi e terraza.
Ademais, instalaranse tamén módulos destinados a servizos —cafetería, tenda, aseos, etc.— e ocio -piscina, zona de merenda, asadores, parque infantil...-, rehabilitarase un edificio xa existente para destinalo a recepción e oficina e executaranse dúas zonas de aparcamento.