A Xunta apoia con 46.000 euros actuacións para modernizar cinco restaurantes e aloxamentos da capital lucense

O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, explica que a Axencia de Turismo de Galicia resolveu unha das convocatorias anuais para impulsar a competitividade do sector

No conxunto da provincia resultaron beneficiarios 29 negocios de 18 concellos, que reciben unha contía total de 575.400 euros.

Lugo, 28 de xullo de 2026

 A Xunta vén de aprobar axudas por un importe total de 46.100 euros para apoiar a modernización das instalacións de tres establecementos de restauración e dous de aloxamento situados na capital lucense.

Así o explicou hoxe o delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, durante unha visita  aos restaurantes Campos e Cotá, que se acolleron a estes incentivos para realizar melloras nos seus locais.

Villares explicou que a Axencia de Turismo de Galicia convoca anualmente este programa para fomentar a renovación das empresas turísticas. Nesta edición resultaron beneficiarios 29 negocios de 18 concellos repartidos por toda a provincia, que reciben unha contía total de 575.400 euros.

Deste xeito a Xunta colabora cos establecementos para realizar melloras na accesibilidade ou a eficiencia enerxética; para avanzar na dixitalización dos sistemas de xestión ou para instalar equipos de seguridade. Tamén se inclúen as obras destinadas a aumentar a categoría ou a obter certificacións de calidade, en especial o Q de Calidade Turística.

Outros programas

O delegado afirmou que o Goberno galego traballa de forma continua da man do sector turístico para reforzar a súa competitividade, con diferentes iniciativas como as axudas específicas para mellorar a eficiencia enerxética, que na última convocatoria   beneficiaron a oito hoteis e restaurantes do municipio de Lugo con axudas por un importe próximo aos 840.000 euros.

Manifestou a importancia de “apostar por un turismo de calidade, que contribúa a facer o destino atractivo para os viaxeiros durante todo o ano” e, nese sentido, destacou os datos de Lugo, onde nos primeiros cinco meses do 2026 se aloxaron un 21,2% de persoas máis que no mesmo período do 2025.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/07/2026