A Xunta e as forzas e corpos de seguridade do Estado avanzan no reforzo da protección do persoal dos servizos sanitarios fronte ás agresións
Os interlocutores policiais sanitarios de cada provincia e os coordinadores de violencia das áreas sanitarias abordaron a actualización dos protocolos de actuación ante as agresións
A Consellería de Sanidade realizará xornadas de formación aos profesionais impartidas polos interlocutores policiais e as unidades de prevención de riscos laborais
Estas actuacións enmárcanse nas medidas postas en marcha pola Xunta para reforzar a prevención fronte ao risco de violencia no ámbito sanitario, que inclúe a reforma da Lei de Saúde de Galicia
Santiago de Compostela, 25 de abril de 2025
A Consellería de Sanidade e as forzas e corpos de seguridade do Estado avanzan no reforzo da protección do persoal dos servizos sanitarios fronte ás agresións. Con ese fin, os interlocutores policiais sanitarios (membros da Garda Civil e da Policía Nacional) de cada provincia mantiveron unha nova xuntanza cos coordinadores de violencia de cada unha das sete áreas sanitarias, xunto co con persoal directivo do Servizo Galego de Saúde.
O obxectivo deste encontro foi reforzar o contacto cos interlocutores policiais asignados a cada área sanitaria e poñer en común a situación actual. Así, abordouse a actualización do protocolo de prevención e actuación en situacións de violencia externa, que se está a realizar coas achegas dos diferentes grupos de traballo creados e dos que forman parte, tamén, as forzas e corpos de seguridade do Estado.
A Consellería de Sanidade continuará con esta colaboración con actuacións concretas nas áreas, estando prevista a realización dunhas xornadas de formación/información aos profesionais por parte dos interlocutores policiais e as unidades de prevención de riscos laborais.
Todas estas medidas enmárcanse no propósito da Xunta de elevar ao máximo nivel a protección do persoal do Servizo Galego de Saúde. A tal efecto, vén de iniciar a modificación da Lei de Saúde de Galicia no marco dun plan de medidas para evitar as agresións e protexer ao persoal da sanidade.