O conselleiro de Sanidade inaugurou esta mañá en Santiago de Compostela a XVIII reunión da Asociación Galega de Pediatría de atención primaria (AGAPap)
Gómez Caamaño resalta a posición de liderado de Galicia en pediatría e a ampliación da vacina intranasal contra a gripe nos centros educativos
A Xunta ampliará ata os 11 anos a vacinación intranasal contra a gripe que a pasada campaña empezou a administrar a nenos de entre 6 e 59 meses
Esa medida impulsou un incremento de 10 puntos na cobertura da vacina na poboación infantil, chegando ao 66 %
Desenvolverase un proxecto piloto para levar esta nova forma de vacinación aos centros educativos
Santiago de Compostela, 26 de abril de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, inaugurou esta mañá a XVIII reunión da Asociación Galega de Pediatría de atención primaria (AGAPap). Neste encontro resaltou a posición de liderado de Galicia nesta especialidade clínica, así como a importancia das novas medidas adoptadas pola Xunta, como a incorporación da vacina intranasal contra a gripe nos centros educativos.
A comunidade galega conta na actualidade co programa de vacinación máis completo do mundo e, a adhesión da súa poboación ás campañas de inmunización, tamén abrangue as idades máis temperás. Así, a incorporación a pasada campaña da vacina intranasal fronte á gripe contribuíu a que a cobertura da protección dos máis pequenos medrase 10 puntos, chegando ao 66 %.
Segundo apuntou Gómez Caamaño, tras o éxito desta medida, a Xunta ampliará ata os 11 anos a vacinación intranasal contra a gripe, que a pasada campaña empezou a administrar a nenos de entre 6 e 59 meses. Ademais, desenvolverase un proxecto piloto para levar esta nova forma de vacinación aos centros educativos
“Damos un paso máis cara a unha vacinación máis accesible e adaptada á infancia”, subliñou o conselleiro, quen agarda que se siga incrementando a porcentaxe de nenos e nenas vacinados.
Lembrou, ademais que o sistema sanitario público galego posúe o cribado neonatal máis completo de España, ao incorporar 37 patoloxías, fronte ás 7 que fixa o Sistema Nacional de Saúde.
O máximo responsable da Sanidade galega referiuse tamén a que a atención pediátrica na comunidade é prestada case no 90 % dos casos por especialistas, unha cifra moi por riba da media estatal e que reflicte o compromiso da Xunta co coidado dos máis pequenos.
No actual contexto de déficit de profesionais, apuntou que a Xunta de Galicia está a impulsar todas aquelas medidas que ten ao seu alcance para dar resposta ás necesidades asistenciais das familias. Así, lembrou a adxudicación de 48 novas prazas de pediatría en centros de difícil cobertura.
“Levamos anos ofertando o 100 % das prazas MIR en pediatría e medicina de familia que nos acreditada o Ministerio” remarcou Gómez Caamaño, ao tempo que agradeceu o labor que desenvolven a Asociación Galega de Pediatría en atención primaria, a Sociedade Galega de Pediatría e o conxunto de especialistas que forman parte do persoal do Servizo Galego de Saúde.