A Xunta licita por preto de 200.000 euros o mantemento de arcos cirúrxicos de alta tecnoloxía na área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza
O Servizo Galego de Saúde busca garantir a precisión e calidade da imaxe médica, esencial para procedementos intervencionistas e cirúrxicos de especialidades como traumatoloxía, cirurxía vascular e cardioloxía
As empresas interesadas en participar neste procedemento teñen de prazo ata o vindeiro 26 de maio para presentar as súas ofertas
Santiago de Compostela, 29 de abril de 2025
A Xunta, a través do Servizo Galego de Saúde, publica no Portal de Contratos Públicos a licitación, por importe de 194.818 euros, do servizo de mantemento integral de equipamento de alta tecnoloxía da marca Ziehm Imaging na área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza.
Trátase de arcos cirúrxicos, é dicir, equipos de alta tecnoloxía en imaxe médica que son esenciais para a realización de procedementos intervencionistas e cirúrxicos en especialidades como cardioloxía, cirurxía vascular e traumatoloxía. A súa precisión e calidade na adquisición de imaxes en tempo real convérteos en ferramentas fundamentais para garantir a seguridade e eficiencia das operacións.
Este servizo de mantemento reduce o risco de fallos inesperados e inactividade, xa que a dispoñibilidade destes equipamentos é clave para a eficiencia operativa dos quirófanos e salas intervencionistas.
Polo tanto, o servizo contratado prolongará a vida útil do equipamento e garantirá a súa actualización tecnolóxica para un rendemento óptimo.
O contrato ten unha duración inicial prevista de 24 meses e a posibilidade de ser prorrogado anualmente, ata un máximo de 36 meses adicionais.
As empresas interesadas en participar neste procedemento teñen de prazo ata o vindeiro 26 de maio para presentar as súas ofertas.