A Xunta realiza labores de conservación en máis de 3,1 km de varios regos no concello de Catoira
As tarefas que realiza Augas de Galicia prolongaranse durante arredor de seis semanas e inclúen a retirada tanto de árbores caídas como de biomasa das canles fluviais para evitar atoamentos
Santiago de Compostela, 30 de abril de 2025
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, comezou a executar hoxe actuacións de conservación e mantemento en máis de 3,1 quilómetros de varios regos, no concello de Catoira.
As tarefas, que se desenvolverán nos regos das Pozas e Gondomil ao seu paso pola parroquia de Santa Baia -preto de 2 quilómetros- e nun tramo de algo máis de 1,2 quilómetros do río Catoira nas parroquias de San Pedro de Dimo e San Miguel de Catoira, consisten na retirada de árbores caídas e biomasa presente na canle fluvial para evitar atoamentos, así como na eliminación de especies exóticas invasoras.
Os traballos, que foron comunicados ao concello, prolongaranse durante arredor de 6 semanas e realizaranse mediante a aplicación de ferramentas manuais, o uso de motoserras e rozadoiras ao tempo que se contará co apoio doutra maquinaria de maiores dimensións, como un tractor.
Unha vez finalizadas as obras programadas polo organismo hidráulico dependente do Executivo galego, este tramo fluvial quedará despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.
Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa e nas zonas de acceso e protección.
O fin último dos traballos é mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos, actuando nas áreas nas que a Xunta ten competencias, fóra das tramas urbanas fluviais de responsabilidade municipal.