A consellería do Medio Rural e adegas Terra de Asorei colaboran na potenciación do sector enoturístico

Os días 26 e 27 de xuño celebrarase a 5ª edición do curso O mundo dos viños galegos. O Enoturismo, unha oportunidade cultural e económica nas instalacións desta adega en San Martiño de Meis, na provincia de Pontevedra

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2025

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, mantivo hoxe unha reunión co presidente de adegas Terra de Asorei, Xosé Ramón Durán, para avaliar vías de colaboración na potenciación do sector enoturístico.

Neste sentido, os días 26 e 27 de xuño celebrarase a 5ª edición do curso O mundo dos viños galegos. O Enoturismo, unha oportunidade cultural e económica na adega Terra de Asorei, situada en San Martiño de Meis (Pontevedra). A formación destínase a alumnado das titulacións de Grao e Mestrado de ciclos formativos de grao medio e superior, profesionais dos sectores relacionados co sector vitivinícola e ao público en xeral, cun aforo máximo de 40 persoas.

Con esta formación búscase poñer en valor o enoturismo como unha ferramenta para preservar a cultura, impulsar as economías locais e ofrecer experiencias auténticas aos visitantes. Neste sentido, entre os contidos do curso están os de coñecer e valorar o patrimonio cultural e natural asociado ao enoturismo; o fomento do desenvolvemento económico sostible a través desta actividade; o recoñecemento da importancia cultural e enolóxica das cepas centenarias; o desenvolvemento de competencias para deseñar e xestionar proxectos innovadores neste ámbito; a promoción da conservación do patrimonio vitivinícola e sensibilizar sobre a súa importancia; e o impulso do recoñecemento do enoturismo como unha actividade integradora.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/04/2025