O concello de Vila de Cruces adquire dous novos vehículos para a protección ambiental grazas ao Fondo de Compensación Ambiental da Xunta
O concello recibiu unha achega de máis de 42.000 euros
A liña non competitiva do FCA alcanzou a 15 concellos da área territorial de Pontevedra e contou cun orzamento de 478.000 euros
Vila de Cruces (Pontevedra), 30 de abril de 2025
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o concello de Vila de Cruces, que adquiriu dous novos vehículo para a protección ambiental grazas á liña non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental (FCA).
O concello contou cunha achega de máis de de 42.000 euros que permitiu a adquisición destes furgóns que substituirán ao antigo vehículo que, con máis de 30 anos, non se adecuaba aos estándares de sostibilidade que a Xunta intenta fomentar en todo o territorio galego.
Estes novos furgóns permitirá realizar as tarefas de coidado do medio, limpeza de pistas e de zonas próximas a ríos de forma máis sinxela, rápida, e sustentable
Cabe destacar que, dende o ano 2009, o concello de Vila de Cruces recibiu preto de 900.000 euros como parte dos Fondos de Compensación Ambiental da Xunta.
Neste sentido, Reguera destacou o compromiso da Xunta “co coidado do medio ambiente e a aposta, a través destes fondos, por conseguir uns concellos máis sostibles que coiden do noso patrimonio natural”.
A liña non competitiva do FCA alcanzou a 15 concellos da área territorial de Pontevedra e contou cun orzamento de 478.000 euros.
FCA
O FCA foi creado para distribuír o canon eólico en beneficio da conservación e restauración da contorna, así como do reequilibrio territorial. As accións subvencionables inclúen os investimentos e custos de funcionamento dos servizos municipais dedicados á protección do medio.
Entre os obxectivos que deben perseguir figuran a conservación da biodiversidade, o fomento do coñecemento e da utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais, e a recuperación do medio natural degradado ou contaminado. Tamén deben impulsar a eficiencia e o uso sustentable das enerxías renovables, e, en xeral a protección do medio natural.