A Xunta abre hoxe o prazo para as empresas interesadas en colaborar na nova convocatoria do programa EBici
A orde estará dotada con 1,7 M€ e subsidiará a compra de bicicletas novas con pedaleo asistido e bicicletas de man híbridas ou eléctricas para cadeiras de rodas
O prazo para as persoas que busquen beneficiarse das axudas do programa abrirá o vindeiro 16 de maio
Santiago de Compostela, 2 de maio de 2025
O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a orde de axudas coa que a Xunta establece as bases reguladoras e as subvencións da nova convocatoria do programa EBici, que subvencionará a compra de bicicletas novas con pedaleo asistido e bicicletas de man híbridas ou eléctricas para cadeiras de rodas.
Hoxe abre o prazo para as empresas interesadas en colaborar co programa, que poderán presentar ata o 31 de agosto de 2026 a súa solicitude na páxina web https://ebici.xunta.gal da Dirección Xeral de Mobilidade. As entidades que se poderán adherir son todas aquelas abertas ao público en Galicia e que se dediquen total ou parcialmente á venda de bicicletas.
Esta nova convocatoria estará dotada con 1,7 millóns de euros, distribuídos en dúas anualidades: 1 millón de euros en 2025 e 700.000 euros en 2026. Con esta iniciativa, se pretende contribuír a dinamizar o comercio local e estimular a economía dos pequenos establecementos.
Na anterior convocatoria, máis de 150 empresas de toda Galicia se adheriron a EBici. Se algunha destas entidades quere repetir a súa solicitude, terá un proceso simplificado para volver a formar parte do programa. O prazo para facer esta solicitude simple pechará o 2 de xullo, aínda que se lles interesa colaborar máis adiante, poderán facelo igualmente polo procedemento ordinario.
En canto ás persoas usuarias, o prazo para empezar a solicitar as axudas abrirá o vindeiro 16 de maio e pecharase o 13 de novembro do 2026 ou ata que se esgote o crédito. Para ser beneficiario desta axuda, débese tramitar unha solicitude a través dalgunha das entidades colaboradoras adheridas que figuren na listaxe que se publicará na páxina web e que se irá actualizando segundo avance o programa. Será a entidade a encargada de presentar de xeito electrónico a solicitude de axuda para completar a compra.
As axudas parten do 50 % do custo cun máximo de 500 euros con carácter xeral. As familias numerosas contarán cun 60 % de desconto co máximo en 600 euros e no caso das familias numerosas de categoría especial ou as persoas con mobilidade reducida as axudas aumentan ata o 70 % ou un máximo de 700 euros do custo da bicicleta ou dispositivo adaptado para cadeira de rodas.
O programa continúa a aposta que dende a Xunta se fai en prol da mobilidade alternativa. EBici busca incentivar o uso dun transporte sostible, integrador e saudable como é a bicicleta, especialmente na contorna urbana onde se atopa a meirande parte da poboación.
Con este tipo de medidas, o Goberno galego busca reducir o uso do vehículo particular nos desprazamentos da contorna urbana, desconxestionando os centros das cidades galegas e reducindo en consecuencia a contaminación ambiental e acústica.
Impulso da mobilidade sostible e saudable
Dende o seu inicio en 2022 ata o peche da última convocatoria en novembro do 2024, o Goberno galego destinou preto de 2,7 millóns de euros a EBici cos que se logrou mobilizar arredor de 8 millóns de euros en total. Con esta nova convocatoria xa serán 4,4 millóns de euros os fondos destinados dende a Xunta.
O éxito do programa reflectiuse nas 167 entidades colaboradoras e nas máis de 5.300 persoas beneficiadas por estas axudas, principalmente na contorna urbana, onde se concentra a meirande parte da poboación.
Por provincias, a maioría das axudas concedidas corresponden a Pontevedra, con 2.870 e 1,4 millóns de euros asignados, seguida da Coruña, con 1.582 axudas e máis de 780.600 euros. En Ourense concedéronse 573 axudas que suman 285.100 euros e en Lugo 368, con case 181.000 euros.
En canto ás entidades adheridas ao programa, 69 sitúanse en Pontevedra, 61 na Coruña, 19 en Lugo e 18 en Ourense. Trátase de establecementos comerciais abertos ao público en Galicia que se dedican de xeito total ou parcial á venda de bicicletas con pedaleo asistido ou bicicletas de man eléctricas ou híbridas.