A Xunta apoia a carreira de obstáculos ‘Pretorian Race’, que reunirá mañá en Sarria a máis de 600 participantes
Sarria (Lugo), 2 de maio de 2025
A Xunta de Galicia apoia a carreira de obstáculos Pretorian Race Sarria Xtreme, que reunirá mañá na localidade a máis de 600 participantes, dos que arredor de 50 compiten na categoría Elite. A proba, organizada por Pretorianos Club, foi presentada hoxe en Sarria nun acto no que participou, entre outros, a directora territorial de Emprego, Comercio e Emigración de Lugo, Carmen José López.
A segunda categoría, a Starter, esgotou as 80 prazas dispoñibles, e o groso da participación corresponde á carreira popular, con preto de 500 inscritos. Todos eles deberán percorrer un circuíto de 8 quilómetros con preto de 40 obstáculos, se ben no último grupo os corredores poden axudarse entre eles.
Os primeiros en tomar a saída no campo de rugby serán os da categoría Elite, ás 16.30 horas. Haberá premios individuais para os tres primeiros clasificados en distintas modalidades e tramos de idade, e tamén para os tres mellores equipos.