A Xunta adxudica por 22,4 M€ a construción e a xestión da primeira planta pública de clasificación de residuos téxtiles de Galicia

A nova instalación, que ocupará unha superficie de 8.000 m2 no complexo medioambiental de Cerceda e terá capacidade para tratar 3.000 toneladas anuais, ampliable ata as 24.000, prevese que estea finalizada no segundo trimestre de 2026

Nunha primeira fase, creará entre 16 e 30 empregos directos, que se cubrirán, con carácter preferente, por persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social

Trátase dun proxecto tractor e integrador que permitirá aos concellos e empresas do sector téxtil cumprir as súas obrigas legais e evitar o uso do vertedoiro

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2025

A Xunta acaba de adxudicar por un importe de 22.480.815 euros (IVE incluído) o contrato correspondente ás obras de construción e á futura xestión integral da que será a primeira planta pública de clasificación de residuos téxtiles de Galicia.

A futura instalación, que se localizará no complexo medioambiental de Cerceda da empresa pública Sogama, ocupará unha superficie de 8.000 m2 e terá unha capacidade inicial para 3.000 toneladas anuais, aínda que poderá chegar a tratar ata 24.000 Tn/ano. Ademais, xerará nunha primeira fase entre 16 e 30 empregos directos que se cubrirán, con carácter preferente, por persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social.

Considerada unha iniciativa tractora e integradora, coa nova planta de clasificación téxtil darase resposta ás esixencias contempladas na Lei de residuos e solos contaminados para unha economía circular estatal, que obriga aos concellos a recoller os residuos téxtiles de forma diferenciada desde o 1 de xaneiro deste ano, e ás empresas do sector a incorporar aos seus produtos unha porcentaxe de fibra reciclada.

Así mesmo, permitirá atender as necesidades da sociedade no seu conxunto toda vez que, a día de hoxe, o 90% dos residuos téxtiles —que seguen crecendo de forma exponencial debido ao consumo da moda rápida— acaban en vertedoiro; e contribuirá tamén aos obxectivos de descarbonización de Galicia tendo en conta que segundo datos da Axencia Europea de Medio Ambiente as compras de roupa e produtos téxtiles na UE xeraron arredor de 270 kg de emisións de C02 por persoa no ano 2020.

En todo caso, a propia edificación deberá cumprir distintos criterios de sostibilidade tales como o uso de materiais reciclados, duradeiros e fáciles de manter; solucións de aforro enerxético, dando prioridade á luz natural; melloras vinculadas ao aforro do consumo de auga; e análise do ciclo de vida do edificio, é dicir, do impacto que terán os materiais utilizados, tanto na fase de construción, como na de explotación e demolición.

Tras a adxudicación e partindo do proxecto básico, a adxudicataria deberá encargarse da redacción dos proxectos, informes e estudos necesarios para obter e axilizar as correspondentes licenzas e autorizacións administrativas, tendo en conta que a instalación debe estar culminada no segundo trimestre do ano 2026.

Operativa de funcionamento

Unha vez recibidos os téxtiles na instalación, someteranse a unha preclasificación a fin de separar aquelas pezas que se atopen en bo estado para destinalas á reutilización. As restantes atravesarán un proceso de clasificación con intelixencia artificial mediante o cal se conseguen segregar os téxtiles por composición e cores. A continuación, separaranse elementos impropios e accesorios tales como botóns, cremalleiras, etc.

Os tecidos resultantes prensaranse e enviaranse aos centros recicladores para transformarse en fibra téxtil reciclada, aínda que tamén poden contemplarse outros usos, como os produtos illantes.

Ademais, aqueles téxtiles que, dadas as súas características, non poidan ser reutilizados nin reciclados, serán valorizados enerxeticamente, evitando que acaben enterrados en vertedoiro, a peor das opcións desde o punto de vista da xerarquía de residuos debido ao seu negativo impacto ambiental e sobre a saúde.

Data de actualización: 02/05/2025