A Xunta financia con máis de 58.000 euros un proxecto de restauración ambiental e integración paisaxística na praia do Furado da Illa de Arousa

O proxecto permitirá frear a erosión provocada polo mar, protexer os piñeiros situados no bordo litoral e mellorar a integración natural da contorna  

Pontevedra, 11 de agosto de 2026

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, visitou a praia do Furado, na Illa de Arousa, para informar sobre o proxecto de restauración ambiental e integración paisaxística que conta co financiamento ao abeiro do programa Galicia Refuxio Climático, cunha achega de máis de 58.000 euros por parte da Xunta.

A actuación encádrase nunha liña de axudas destinada ao incremento da biodiversidade urbana e ao aumento das zonas verdes, así como á mellora da conectividade natural entre os espazos urbanos e periurbanos.

O proxecto contempla a creación dunha pantalla de contención para evitar que a acción do mar continúe socavando o terreo do monte e poña en risco os piñeiros situados no bordo litoral. A solución prevista busca garantir a protección da zona mediante unha intervención de carácter pouco invasivo e integrada na contorna natural.

En concreto, a pantalla estará formada por troncos de madeira de entre 25 e 30 centímetros de diámetro, que serán fincados na area e unidos entre si mediante cordas. Posteriormente, o espazo situado na parte posterior da estrutura será recheado con terra de achega, coa finalidade de protexer as raíces dos piñeiros e contribuír ao seu apuntalamento.

Durante a visita, o delegado territorial destacou a importancia de impulsar actuacións que permitan "protexer e recuperar os espazos naturais e mellorar a súa integración coa contorna", ao tempo que se adoptan medidas para facer fronte aos efectos da erosión e do cambio climático.

Pablo Fernández lembrou o compromiso da Xunta con actuacións que, como esta, contribúan a incrementar a biodiversidade, ampliar as zonas verdes e mellorar a conexión entre os espazos urbanos e naturais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/08/2026