A Xunta destina máis de 1 M€ á instalación dun sistema completo de trazabilidade de residuos en toda a infraestrutura industrial de Sogama

As actuacións adxudicadas centraranse nas plantas de transferencia, nas catro de compostaxe, nas propias instalacións de Cerceda e nas dúas terminais ferroviarias

A chamada plataforma TRAZA enmárcase na transformación dixital na que está inmersa a empresa pública a fin de avanzar cara a unha xestión automática de todos os datos necesarios para asegurar o control e a correcta rastrexabilidade do residuo desde que entra nas súas instalacións ata que sae das mesmas convertido en recurso

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2025

A Xunta de Galicia acaba de adxudicar por un importe de 1.038.911 euros, e cun prazo de execución de 2 meses e 7 días, as obras a acometer na infraestrutura industrial da Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama) co fin de instalar os equipos necesarios para levar a cabo a trazabilidade completa dos residuos xestionados na mesma.

Concretamente, no marco deste contrato executaranse actuacións en todas as plantas de transferencia, nas catro instalación públicas de compostaxe (as de Cervo, en Lugo; Cerceda, na Coruña; Verín, en Ourense; e Vilanova de Arousa, en Pontevedra); no propio Complexo Medioambiental de Cerceda; e nas dúas terminais ferroviarias de Adif en Lugo e Taboadela (Ourense).

A chamada plataforma TRAZA, enmarcada no proceso de transformación dixital no que está inmersa Sogama, tanto a nivel industrial como administrativo, ten por obxecto avanzar cara a unha xestión automática de todos os datos necesarios para asegurar o control e a correcta rastrexabilidade do residuo desde que entra nas instalacións desta Sociedade ata que sae das mesmas convertido en recurso, ben para ser reciclado ou ben convertido xa en enerxía eléctrica, no caso da fracción non reciclable.

Isto permitirá á empresa pública ofrecer un servizo adicional aos concellos adheridos —295, que representan case o 94% de todos os da comunidade— para unha xestión eficiente da documentación, co conseguinte aforro de tempos, constituíndo o dato un elemento esencial para a toma de decisións.

Portal do Cliente, en desenvolvemento

Tamén dentro do seu plan de transformación dixital (R-Dixital), e precisamente vinculado ao proxecto TRAZA, Sogama xa está a traballar no desenvolvemento do denominado Portal do Cliente a fin de optimizar as comunicacións coas entidades locais ás que dá servizo, propiciando así o intercambio de información de interese.

O portal, que se concibe como unha solución integral, dinámica e intuitiva, con acceso centralizado e en tempo real, ofrecerá aos usuarios unha contorna dixital na que poderán consultar información actualizada, recibir alertas e notificacións, trasladar solicitudes e suxestións, xestionar distinto tipo de documentación e axilizar a tramitación administrativa.

Así, as entidades locais terán acceso aos datos vinculados ás fraccións de residuos xestionadas por Sogama, contratos entre as partes, xeración de informes personalizados a partir das consultas recibidas, alertas e avisos, entre outros. Así mesmo, o portal incorporará a posibilidade de obter proxeccións a futuro da evolución da xeración de distintos tipos de residuo, acompañadas dunha porcentaxe de fiabilidade, presentando escenarios probables e facilitando a anticipación aos cambios.

Data de actualización: 04/05/2025