A Xunta colabora na nova campaña de dinamización do comercio local promovida polo centro comercial aberto Zona Náutico de Vigo
Vigo, 5 de maio de 2025
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, participou hoxe na presentación da campaña Reparto de Mapas a Cruceros organizada polo Centro Comercial Aberto Zona Náutico de Vigo co apoio da Xunta. Con esta iniciativa —que se estenderá ata o vindeiro mes de outubro— repartiránse mapas aos turistas que desembarquen na cidade procedentes de cruceiros de gran tamaño, coa ubicación dos establecementos pertencentes ao Centro Comercial Aberto Zona Náutico e asociados no Porto de Vigo, para así incentivar o comercio local e de proximidade.
Gabriel Alén subliñou a importancia deste tipo de accións para o fortalecemento do comercio de proximidade, conectando aos turistas que chegan a nosa terra cos negocios do territorio, e contribuíndo á dinamización da economía local, sendo esta un aspecto fundamental para o crecemento e benestar da comunidade. O Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030, recolle unha batería de ambiciosas medidas e máis de 70 accións específicas co gallo de consolidar un sector forte, sostible, moderno e de calidade, atopándose entre elas a potenciación de experiencias de compra diferenciadas e proxectos de dinamización comercial de valor engadido, como é no caso dos centros comerciais abertos, avanzando na súa profesionalización e rexistro.