O Servizo Galego de Saúde publica o nomeamento como persoal estatutario fixo e o destino definitivo de 1.556 profesionais de enfermería
Os aspirantes disporán do prazo dun mes para incorporarse á praza adxudicada
Un total de 2.015 profesionais de enfermería accederon neste último ano e medio á condición de persoal estatutario fixo no Servizo Galego de Saúde en prazas de hospitais, dotando de maior estabilidade os cadros de persoal
Santiago de Compostela, 5 de maio de 2025
O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, unha resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se procede ao nomeamento como estatutario fixo dos aspirantes que superaron o proceso selectivo de concurso-oposición para o ingreso na categoría de enfermeiro, convocado pola resolución do 15 de marzo de 2022, modificada co fin de ampliar o número de prazas mediante as resolucións do 10 de xuño de 2022, (Diario Oficial de Galicia núm. 116, do 17 de xuño) e do 30 de decembro de 2022 (Diario Oficial de Galicia núm. 5, do 9 de xaneiro de 2023).
Neste proceso selectivo resultan definitivamente seleccionadas 1.556 persoas, das cales 1.363 corresponden á quenda de acceso libre, 104 á de promoción interna e 89 á quenda de discapacidade xeral. As prazas non cubertas pola quenda de promoción interna acumuláronse á quenda libre (foron convocadas 332 prazas por esta quenda de acceso).
Distribución por áreas sanitarias
As prazas adxudicadas neste proceso selectivo son, por áreas sanitarias:
|
Área Sanitaria |
Número de prazas |
|
A.S. da Coruña e Cee |
367 |
|
A.S. de Ferrol |
76 |
|
A.S. de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos |
187 |
|
A.S. de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras |
183 |
|
A.S. de Pontevedra e O Salnés |
145 |
|
A.S. de Santiago de Compostela e Barbanza |
263 |
|
A.S. de Vigo |
335 |
Isto suporá a incorporación de 1.556 profesionais ás institucións sanitarias do sistema público de saúde de Galicia con condición de fixeza que se suman ás 459 prazas ofertadas na mesma categoría polo sistema de concurso de méritos no proceso resolto xa en novembro de 2023, o que supón que 2.015 profesionais de enfermería accederon neste último ano e medio á condición de persoal estatutario fixo no Servizo Galego de Saúde en prazas de hospitais das distintas áreas sanitarias, reducindo así o número de persoal temporal e dotando de maior estabilidade os cadros de persoal do Servizo Galego de Saúde.
O persoal nomeado disporá do prazo dun mes, a contar desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para incorporarse á praza adxudicada. O prazo finaliza o 5 de xuño de 2025.
A falta de incorporación no prazo referido, cando sexa imputable ao interesado e non responda a causas xustificadas, producirá o decaemento do seu dereito a obter a condición de persoal estatutario fixo como consecuencia do concreto proceso selectivo. En casos de forza maior, e por instancia do interesado, a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde poderá prorrogar o prazo de toma de posesión.
As persoas seleccionadas poden dirixir todas as dúbidas e consultas relacionadas co procedemento de elección de destinos ao enderezo de correo electrónico: oposicions@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de reclamacións nin recursos.