O conselleiro de Sanidade, acompañado polo director xeral de Atención Primaria e Comunitaria do Servizo Galego de Saúde e o xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, realizou unha visita ao centro de saúde de Cambados
Gómez Caamaño sinala o dispositivo sanitario especial da Festa do Albariño como exemplo da planificación estival do Servizo Galego de Saúde
Subliña que o Sergas traballou en coordinación co Concello preparando este dispositivo, que conta cun posto sanitario avanzado dotado con UVI móbil, un médico e demais profesionais
Destaca que o PAC de Cambados se reforza desde o venres e durante toda a fin de semana cun terceiro equipo, ademais das urxencias do Hospital do Salnés
Pon este centro de saúde como exemplo da capacidade asistencial da atención primaria, posto que, só neste mes de xullo, realizou máis de 16.000 consultas
Expresa o firme compromiso da Xunta con este nivel asistencial, que se plasma nunha reforma integral da atención primaria que se presentará en setembro
Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, sinalou hoxe o dispositivo sanitario especial da Festa do Albariño como exemplo da planificación estival do Servizo Galego de Saúde, destinado a ofrecer seguridade e unha resposta sanitaria áxil e eficaz.
O titular da carteira sanitaria da Xunta, acompañado polo director xeral de Atención Primaria e Comunitaria do Servizo Galego de Saúde, Salvador Mariño-Ageitos, e o xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores, realizou unha visita ao centro de saúde de Cambados.
O conselleiro explicou que o Servizo Galego de Saúde traballa en coordinación co Concello na organización do dispositivo, que conta cun posto sanitario avanzado, dotado cunha UVI móbil, un médico e demais profesionais sanitarios para dar resposta inmediata ás incidencias.
O pasado ano, ese posto sanitario realizou 665 asistencias sanitarias durante os cinco días da Festa do Albariño, a maioría resoltas in situ, demostrando a eficacia da planificación e a coordinación.
En previsión das incidencias de maior alcance que teñen que ser atendidas nos centros sanitarios habituais, o conselleiro explicou que o PAC de Cambados se reforza desde o venres e durante toda a fin de semana cun terceiro equipo. Así mesmo, tamén se reforzan as urxencias do Hospital do Salnés.
Gómez Caamaño fixo un chamamento a que a xente desfrute da festa con prudencia e responsabilidade e incidiu en que están activadas as medidas para atender as necesidades sanitarias extraordinarias.
Tamén puxo en valor o esforzo dos profesionais que garanten a asistencia sanitaria nas zonas costeiras mentres a xente está de vacacións.
Ao respecto, Gómez Caamaño referiu que a Consellería de Sanidade é consciente do incremento da poboación, da actividade e dos desprazamentos que se producen durante o verán nesta zona e, por iso, adóptanse medidas extraordinarias, como o aumento dos medios do 061 e do Hospital do Salnés.
Actividade do centro de saúde
Na súa visita, o conselleiro quixo escoitar aos profesionais e comprobar de primeira man como está a funcionar este centro de saúde, logo de transcorrido un ano de pasar de xestión municipal a ser xestionado directamente polo Servizo Galego de Saúde.
Gómez Caamaño puxo este centro como exemplo da capacidade asistencial da atención primaria, posto que dá servizo a máis de 15.700 persoas e conta cun equipo multidisciplinar (médicos, pediatras, enfermeiros, odontólogos, nutricionistas, entre outros), que permiten ofrecer unha atención integral.
A capacidade do centro tradúcese en actividade, xa que, só neste mes de xullo, realizáronse nas súas dependencias máis de 16.000 consultas, o que evidencia a importancia destas instalacións da rede do Sergas.
Gómez Caamaño lembrou que a Xunta reforzou este centro nos últimos anos cun importante investimento en equipamento diagnóstico e asistencial (ecógrafos, holters, desfibriladores e outro material), que achega máis capacidade resolutiva aos profesionais sen necesidade de derivacións.
Ademais, o centro acolle o PAC, que presta asistencia a preto de 28.000 persoas.
Reforma da atención primaria
Gómez Caamaño aproveitou a visita para expresar o firme compromiso da Xunta coa atención primaria, que se plasma nunha reforma integral deste nivel asistencial que se está a ultimar e que se presentará no mes de setembro.
A reforma posibilitará reducir a burocracia dos médicos para que poidan dedicar máis tempo aos pacientes. Ademais, reorganizará as axendas dos profesionais e incorporará novas categorías nos centros de saúde, como é o caso dos podólogos, para permitir ofrecer unha atención cada vez máis completa.