A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou en Monfero unha actuación acometida ao abeiro da liña de apoios para preservar os parques naturais galegos
A Xunta destina máis de 240.000 € a axudas para actuacións de conservación e posta en valor do patrimonio natural e cultural nas Fragas do Eume
Ángeles Vázquez explica que, en total, se concederon 103 axudas por un importe total de 1,4 M€ para acometer actuacións de cara a protexer a biodiversidade, paisaxe e patrimonio cultural e ecolóxico nos seis parques naturais galegos
Salienta que Fragas do Eume foi o segundo parque que máis axudas recibiu, con 17 apoios a particulares e 2 a concellos, só por detrás do Xurés
Fai fincapé en que o Goberno galego ten xa en marcha un plan integral para os vindeiros anos cun orzamento de 18,5 M€ para garantir a preservación da rede de parques naturais galegos e do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, así como a súa posta en valor como elemento clave ante o cambio climático
Monfero (A Coruña), 6 de maio de 2025
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, subliñou hoxe que a Xunta de Galicia destina máis de 240.000 euros a axudas para levar a cabo actuacións de conservación e posta en valor do patrimonio natural e cultural no Parque Natural Fragas do Eume e na súa área de influencia socioeconómica.
Segundo explicou hoxe Ángeles Vázquez durante a visita que realizou a unha das actuacións subvencionadas no municipio de Monfero, ao abeiro desta convocatoria concedéronse 103 axudas por un importe total de 1,4 millóns de euros para acometer actuacións de cara a protexer a biodiversidade, paisaxe e patrimonio cultural e ecolóxico nos seis parques naturais galegos.
Nese senso, a conselleira subliñou que o parque das Fragas do Eume foi o segundo espazo natural protexido que máis axudas recibiu, só por detrás do Xurés. En concreto, concedéronse 17 axudas a particulares e 2 aos concellos de Cabanas e As Pontes de García Rodríguez. A maiores, no caso de Monfero, este municipio concentrou 13 das 15 subvencións concedidas a particulares neste espazo natural, por un importe total de máis de 135.000 euros.
De feito, a conselleira visitou hoxe, acompañada da delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, unha das actuacións financiadas en Monfero cunha achega de 12.000 euros. Trátase da rehabilitación dunha edificación que alberga un forno de leña e que ten como uso complementario a almacenaxe de cereal e apeiros de labranza. Os traballos consistiron na reposición da cuberta, a restauración da cheminea, a limpeza da pedra e xanelas, así como a mellora do portal de acceso.
Cómpre lembrar que esta liña de axudas, que ten como beneficiarios a concellos, particulares, empresas e entidades ambientais e asociacións veciñais de montes, conta con catro eixos de actividades subvencionables no perímetro dun parque natural ou na súa área de influencia. Son a conservación, restauración e mellora da biodiversidade; a mellora da conectividade ecolóxica de especies de flora e fauna; a recuperación de elementos históricos, patrimoniais ou culturais representativos, e a creación ou mellora de infraestruturas de xestión e ordenación de usos recreativos.
Nesa liña, esta última convocatoria incluíu como novidade a posibilidade de subvencionar campañas de concienciación ambiental e actividades de información e sensibilización como charlas, obradoiros, xornadas formativas, exposicións ou actividades interactivas. E, a maiores, tamén se potenciaron aquelas actuacións destinadas a reverter a tendencia demográfica de declive das poboacións de aves ligadas a medios agrarios.
Ademais, a conselleira fixo fincapé en que o Goberno galego ten xa en marcha un plan integral cun orzamento de 18,5 millóns de euros para garantir a preservación da rede de parques naturais galegos e do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, así como a súa posta en valor como elemento clave ante o cambio climático.
O parque
As Fragas do Eume foron declaradas Parque Natural en 1997 cunha superficie de máis de 9.000 hectáreas que se estenden polos concellos de Cabanas, Pontedeume, A Capela, Monfero e As Pontes de García Rodríguez. Trátase dun espazo que se atopa nunha zona de marcada influencia oceánica entre o medio litoral do esteiro do Eume e as montañas nas que nace o río.
Estas características explican por que é, a día de hoxe, unha das mostras máis importantes dos bosques sublitorais galegos e un dos poucos bosques atlánticos ben conservados de Europa. Desde o ano 2023 conta cun Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX) aprobado pola Xunta que prevé 8,5 millóns de euros de investimento para os seus 10 anos de vixencia.