Máis de 800 deportistas daranse cita esta fin de semana en Narón no I Campionato do Mundo de Hip Hop Coreográfico que conta co apoio da Xunta

A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá na presentación do evento que reunirá os días 10 e 11 e maio no Pazo da Cultura a participantes de Bélxica, Bulgaria, Chipre, Francia, Suecia, Italia ou España

A competición mundial que se disputará nas categorías junior, young, absoluta e megacrew, será marco tamén para a proba correspondente da Liga Xunta de Galicia de hip hop que este ano alcanza a súa segunda edición

Narón (A Coruña), 6 de maio de 2025

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá na presentación do I Campionato do Mundo de Hip Hop Coreográfico -categorías junior, young, absoluta e megacrew- que xuntará a próxima fin de semana no Pazo da Cultura de Narón a máis de 800 deportistas procedentes de Bélxica, Bulgaria, Chipre, Sudáfrica, Francia, Suecia, Italia ou España.

Aneiros destacou a gran evolución que está a experimentar o baile deportivo en Galicia dende que en 2021 se recoñeceu a especialidade deportiva do break e se creou a Liga Xunta de Galicia de Breaking, en consonancia coa aposta do Comité Olímpico Internacional (COI) polos deportes urbanos no programa olímpico. Dende aquela, a Federación Galega de Baile, creada en 2023, conta xa con 1.121 licenzas, das que o 83% son femininas.

Aneiros confirmou ademais a continuidade desta aposta polo baile deportivo coa creación o pasado ano da Liga Galega de hip hop, que esta fin de semana en Narón acollerá tamén a terceira proba puntuable do circuíto nas categorías baby, infantil e premium.

A delegada territorial subliñou a importancia de Narón no mundo do baile deportivo, tanto pola gran tradición que existe na cidade con varios clubs de diferentes especialidades, como pola súa traxectoria á hora de acoller algúns dos eventos máis importantes a nivel galego, estatal e internacional.

Por último agradeceu o labor do Concello de Narón, das federacións española e galega de Baile Deportivo, da World Dance Sport Federation (WDSF) e do Club de Baile Deportivo Narón “por unir esforzos e ilusións para facer realidade este campionato”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/05/2025