A Xunta continúa achegando aos máis novos o eido da artesanía a través do proxecto ‘Artesanía na escola’

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou hoxe no CEIP Plurilingüe de Silleda na segunda das unidades didácticas deste proxecto que busca achegarlle os oficios artesanais a escolares de primaria

Eu son artesán de percusión tradicional amosa, a través da figura de Xosé Manuel Sanín, a historia dun dos instrumentos tradicionais de Galicia, a pandeireta

Silleda (Pontevedra), 7 de maio de 2025

A Xunta continúa co desenvolvemento do seu programa Artesanía na escola, dirixido a achegarlle os oficios artesanais e os valores da artesanía aos nenos e nenas de colexios de toda Galicia. A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, achegouse esta mañá ata o CEIP Plurilingüe de Silleda, para asistir á demostración do artesán Xosé Manuel Sanín, que protagoniza a segunda das unidades didácticas, Eu son artesán de percusión tradicional.

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, destacou a boa acollida que está a ter esta iniciativa entre as alumnas e alumnos dos centros participantes, quenes amosan gran interese, especialmente durante as demostracións dos profesionais do sector. Así mesmo, salientou a importancia de iniciativas como Artesanía na escola, que poñendo o foco nos oficios tradicionais e a través de unidades didácticas centradas nun oficio artesanal concreto, ensinan aos máis novos as posibilidades futuras destes traballos e fomentan a concienciación dos valores da artesanía como patrimonio cultural.

Divulgación dos oficios artesáns aos máis novos

Con esta iniciativa, búscase divulgar os oficios artesanais, poñendo en valor o produto feito á man e do profesional da artesanía como creador e como transmisor de coñecementos, divulgando os vellos saberes e amosando os novos oficios vinculados a unha artesanía máis contemporánea ligada a un consumo responsable, á produción local e sustentable e á economía circular.

A primeira das unidades didácticas —desenvolta nos centros escolares o pasado curso 2023-2024—, dedicouse ao oficio tradicional da elaboración de zocos a través da figura de Elena Ferro, e estase a traballar nesta edición  noutras unidades temáticas centradas na ourivería compostelá, na cerámica e na cestería, co obxectivo de ir incrementando a variedade de oficios que se presentan no marco desta iniciativa.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/05/2025