A Xunta felicita aos participantes do VI Certame de Servizo de Estrella Galicia Escolas de Hostalería pola alta cualificación acadada coa formación de FP

A delegada da Xunta e a directora xeral de Formación Profesional agradeceron o apoio de Estrella Galicia a estas ensinanzas, tanto a través da formación en empresa como de iniciativas coma esta

A Coruña, 8  de maio de 2025

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto coa directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, e o director territorial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Indalecio Cabana, asistiron hoxe, no CIFP Paseo das Pontes, ao VI Certame de Servizo de Cervexa Estrella Galicia Escolas de Hostalaría de Galicia, onde felicitou o alumnado participante pola alta cualificación acadada nos seus estudos de FP e demostrada neste concurso.

Neste concurso o xurado avalía tanto o coñecemento teórico como o servizo de cervexa, tanto de barril como de botella, entre outros aspectos, e está constituído por destacados profesionais vencellados aos servizos de restauración.

Este recoñecido certame ten como obxectivo destacar e impulsar o talento da nova xeración de profesionais da hostalería na arte e ciencia do servizo da cervexa. Alumnos de centros educativos das catro provincias Coruña (4), Pontevedra (2), Lugo (3), Ourense (1) e outros 4 centros doutras comunidades autónomas (Cantabria, Castela León, Baleares, e Extremadura) especializados en hostalería competiron para demostrar a súa pericia e coñecemento neste eido.

Os estudantes que lograron chegar á final enfrontáronse a diversas probas rigorosas que avaliaron desde a súa comprensión teórica da cervexa ata a súa habilidade práctica no tiraxe perfecto de barril, o servizo elegante de botella e a arte de harmonizar cervexas con diferentes propostas gastronómicas. Este evento é xa unha referencia no sector da hostalería galega.

No acto, a representante do Goberno autonómico puxo en valor a importancia da profesionalización no sector da hostalería para dar un impulso ao sector turístico e para seguir superando as cifras récord de visitantes que escollen cada ano a nosa comunidade. Belén do Campo felicitou tamén a todo o equipo do CIFP Paseo das Pontes, equipo directivo e alumnos, polo excelente traballo que levan a cabo e polos numerosos recoñecementos que están acadando, o máis recente o Premio Promesa de Alta Cociña de Le Cordon Bleu, que recibiu María Bazar, un galardón referente na hostalaría.

A delegada da  Xunta quixo agradecer tamén o apoio de Estrella Galicia ás ensinanzas de FP, non só a través da formación que ofertan nos seus centros de traballo, senón tamén colaborando de xeito directo  en tres proxectos de FP Dual, no Grao Superior de Mecatrónica Industrial (co CIFP Universidade Laboral, de Culleredo), no Grao Superior de Química Industrial (do IES A Sardiñeira, da Coruña) e o no Grao Superior en Transporte e Loxística (do IES Menéndez Pidal da Coruña).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/05/2025