O director de Turismo de Galicia, o delegado territorial da Xunta en Lugo e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria presentaron a acción
A Xunta apoia un ano máis a presenza do stand ‘E para comer, Lugo’ en La Vuelta como escaparate da gastronomía e do turismo galego
Xosé Merelles destaca que esta iniciativa contribúe a reforzar a proxección de Lugo e de Galicia como destino gastronómico e turístico de referencia
Alfonso Villares resaltou o potencial da campaña para achegar a oferta lucense aos máis diversos lugares de España e doutros países polos que discorre a proba ciclista
Lugo, 29 de xullo de 2026
A Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia, apoiará un ano máis a presenza do stand 'E para comer, Lugo' en La Vuelta, unha iniciativa promovida pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (APEHL) que permitirá promocionar a riqueza gastronómica e turística da provincia de Lugo e do conxunto de Galicia ao longo das 21 etapas da competición ciclista. O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, presentaron hoxe esta acción que se desenvolverá durante o desenvolvemento da proba, do 22 de agosto ao 13 de setembro.
No acto, Xosé Merelles subliñou que "a presenza do stand ‘E para comer, Lugo’ en La Vuelta permite promocionar un ano máis a riqueza gastronómica e turística da provincia de Lugo e do conxunto de Galicia nunha das citas deportivas de maior proxección internacional". Nesta edición, o percorrido terá un marcado carácter mediterráneo e atravesará Mónaco, Francia, Andorra e España, discorrendo as 10 últimas etapas integramente por Andalucía.
O director de Turismo de Galicia incidiu tamén en que "esta é xa a décimo cuarta edición consecutiva na que este espazo actúa como un escaparate privilexiado para dar a coñecer e degustar a calidade dos produtos lucenses e galegos, grazas ao traballo da APEHL e á colaboración da Xunta de Galicia".
Na mesma liña, Alfonso Villares resaltou a repercusión turística da iniciativa, “que chega aos máis diversos lugares de España e doutros países polos que discorre a proba, dando a coñecer os nosos recursos, difundindo un lema que xa forma parte da nosa identidade, e convertendo cada degustación nunha invitación a descubrir as nosas paisaxes e a nosa cultura”.
O stand estará situado nas zonas VIP das saídas das 21 etapas de La Vuelta 2026, que se celebrará entre o 22 de agosto e o 13 de setembro, con saída en Mónaco e chegada a Granada. Ao longo de todo o percorrido, os asistentes poderán coñecer e degustar produtos de Lugo e de Galicia grazas á colaboración dos consellos reguladores de Ribeira Sacra, Queixo Arzúa-Ulloa, Queixo do Cebreiro, Queixo Tetilla, Queixo San Simón da Costa e das indicacións xeográficas protexidas Pataca de Galicia, Castaña de Galicia, Pemento de Mougán, Mel de Galicia, así como as empresas e productos da marca Galicia Calidade.
Exemplares da guía gastronómica
Ademais da promoción gastronómica, os visitantes disporán de exemplares da nova edición da guía ‘E para comer, Lugo’, que neste 2026 alcanza a súa décimo oitava edición baixo o título ‘Lugo, baixo a maxia da eclipse’.
A publicación, promovida pola APEHL, divulga conxuntamente os recursos turísticos, culturais, naturais e gastronómicos dos 67 concellos da provincia, ofrecendo unha visión global do territorio e favorecendo a distribución dos visitantes polos diferentes municipios.
Xosé Merelles destacou que "nesta décimo oitava edición, baixo o título’ Lugo, baixo a maxia da eclipse’, a publicación pon o foco na eclipse total de sol do 12 de agosto como unha oportunidade para situar a provincia como un espazo privilexiado para a súa observación, vinculando este fenómeno coa paisaxe, o patrimonio, a hospitalidade e a oferta gastronómica lucense".
La Vuelta constitúe un dos maiores escaparates internacionais para a promoción turística das iniciativas vinculadas á carreira. A proba é seguida en máis de 180 países; reúne en cada edición máis de 600 xornalistas e fotógrafos acreditados e arredor de 5.000 persoas acreditadas, entre equipos, organización e persoal técnico, xerando un importante impacto económico nas cidades anfitrioas.
Ademais, máis de 17 millóns de espectadores seguen a competición pola televisión só en España, e a súa web oficial rexistra máis de 23 millóns de visitas ás que se suman os 227 millóns de visualizacións de vídeos nas súas canles oficiais en redes sociais.