Martina Aneiros pon en valor o papel das matronas durante todo o ciclo vital da muller nunha xornada formativa celebrada no Parador de Ferrol

A delegada territorial de Ferrol foi a encargada de inaugurar a cita organizada pola Asociación Galega de Matronas e que reuniu a profesionais de toda Galicia

Ferrol, 10 de maio de 2025

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, inaugurou esta mañá no Parador de Turismo a xornada Matronas pola saúde integral da muller, unha cita formativa e de confraternización organizada pola Asociación Galega de Matronas (AGAM) e que conta coa participación de profesionais de toda Galicia.

Durante a xornada celebrada no marco dos actos do Día Internacional da Matrona e na que tamén estiveron presentes a presidenta de AGAM, Noelia Amor, e o tesoureiro da entidade, David González, a delegada territorial puxo en valor o papel fundamental que desempeñan as matronas durante todo o ciclo vital da muller e reafirmou o compromiso da Xunta coa saúde da muller impulsando a formación especializada e fortalecendo a atención primaria con programas específicos.

A este respecto puxo de exemplo o programa de abordaxe das disfuncións do solo pelviano feminino que, desde o ano 2017, leva beneficiado a máis de 20.000 mulleres en toda Galicia e no que o traballo das matronas, en coordinación cos fisioterapeutas, é fundamental.

Tamén destacou o papel que estas profesionais xogan na prevención da saúde reprodutiva, sexual e maternal da muller, concretamente no programa cribado de cancro de colo uterino á hora de captar ás mulleres susceptibles de incorporarse ao mesmo. “Case a metade das mulleres que participan son grazas a vós”, sinalou. O programa galego de detección precoz do cancro de cérvix, posto en marcha pola Xunta en 2021, diagnosticou ata decembro de 2024 na Área Sanitaria de Ferrol 307 lesións premalignas e sete cancros.

Por último, Aneiros reiterou o apoio do Goberno galego a espazos de colaboración coma esta xornada da que sinalou “permítenos avanzar cara unha sanidade máis equitativa e centrada nas persoas”.

Data de actualización: 09/05/2025