O conselleiro de Sanidade, xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, participou esta tarde na inauguración do XII Congreso da Sociedade Galega de Nefroloxía

Gómez Caamaño subliña o potencial do proxecto GaliON para a detección precoz e o seguimento da enfermidade renal co apoio da intelixencia artificial

Salienta o proceso asistencial integrado da enfermidade renal crónica, que mellora a coordinación entre a atención primaria, nefroloxía e enfermería

O proxecto GaliON, que se está estendendo progresivamente por todas as áreas sanitarias, utiliza información da historia clínica electrónica para identificar pacientes que precisan revisión e facilitar o seguimento da enfermidade renal

O Servizo Galego de Saúde promove a diálise domiciliaria como alternativa para favorecer a autonomía e a conciliación dos coidados coa vida cotiá dos pacientes

Galicia rexistrou en 2025 un total de 229 transplantes renais, a cifra máis alta desde o inicio deste programa en 1981

Pontevedra, 16 de outubro de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, acompañado do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, participou hoxe no acto inaugural do XII Congreso da Sociedade Galega de Nefroloxía, un encontro que reúne profesionais para compartir coñecementos e experiencias sobre a atención ás persoas con enfermidade renal.

Durante a súa intervención, Gómez Caamaño destacou o papel da Sociedade Galega de Nefroloxía na formación continuada e na investigación, así como a importancia de encontros que permiten contrastar coñecementos, compartir experiencias clínicas e favorecer a aprendizaxe dos profesionais en formación.

O conselleiro puxo o foco na necesidade de que os avances científicos e a colaboración entre profesionais se traduzan nunha mellor atención aos pacientes. Neste sentido, salientou o valor do proceso asistencial integrado da enfermidade renal crónica, presentado en 2023, que establece criterios compartidos entre atención primaria, nefroloxía e enfermería para orientar a identificación dos pacientes, a derivación a atención especializada e a frecuencia do seguimento segundo os resultados das probas diagnósticas.

GaliON, unha ferramenta para facilitar a detección precoz

No marco deste proceso asistencial, o titular de Sanidade destacou o proxecto GaliON, que emprega un algoritmo integrado na historia clínica electrónica para analizar información clínica e resultados de laboratorio e organizar listaxes de pacientes que poden precisar unha revisión.

A ferramenta permite identificar persoas con criterios compatibles con enfermidade renal crónica ou con alteracións analíticas que requiren valoración e, cando corresponda, confirmación. Deste xeito, facilita a detección temperá, a actualización da identificación clínica e a coordinación entre atención primaria e nefroloxía.

O proxecto iniciouse en 2023 como experiencia piloto no centro de saúde de Mariñamansa, na área sanitaria de Ourense, e está a estenderse progresivamente ao conxunto do sistema sanitario público galego. Na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, as listaxes para participar no GaliON-ERC están abertas desde o pasado 1 de outubro.

A diálise domiciliaria achega os coidados ao fogar

O Servizo Galego de Saúde promove as modalidades de diálise domiciliaria para achegar estes coidados ao fogar e facilitar que os pacientes poidan recibir o tratamento no seu propio entorno, cunha maior autonomía e flexibilidade para compatibilizalo coa súa vida persoal, social e laboral, sempre que a súa situación clínica o permita.

En Galicia, 1.942 persoas recibiron tratamento de diálise en 2025. Delas, 1.696 recibían hemodiálise en centros sanitarios e 246 realizaban o tratamento no domicilio, mediante hemodiálise domiciliaria ou diálise peritoneal.

Galicia acada un máximo histórico de transplantes renais

Gómez Caamaño destacou tamén os resultados da actividade de transplante renal en Galicia. No ano 2025 realizáronse 229 transplantes de ril, dos que 22 procederon de doantes vivos. Trátase da cifra máis alta desde o inicio do programa en 1981 e supón un incremento do 10 % respecto dos 208 transplantes realizados en 2024.

O conselleiro agradeceu a xenerosidade das persoas doantes e das súas familias, así como o traballo dos profesionais que acompañan os pacientes durante todo o proceso, desde a espera ata a intervención e o seguimento posterior.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/10/2026