A Xunta licita por máis de 268.000 euros as obras para mellorar a climatización dos centros de saúde de Serantes e Fontenla Maristany de Ferrol

As dúas licitacións corresponden a contratos independentes, cun orzamento de 102.452 € para o centro de Serantes e de 166.452 € para o Fontenla Maristany

As empresas interesadas neste procedemento teñen ata o 5 de novembro para presentar as súas ofertas

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2026

A Xunta vén de publicar no Portal de Contratos Públicos de Galicia a licitación, por un importe conxunto de 268.904,68 euros, das obras de mellora da climatización e ventilación nos centros de saúde de Serantes e Fontenla Maristany, pertencentes á área sanitaria de Ferrol.

Trátase de dous contratos independentes, cun orzamento de 102.452,24 euros para a actuación no centro de saúde de Serantes e de 166.452,44 euros para o centro de saúde de Fontenla Maristany.

Ao realizarse os traballos en centros en funcionamento, as obras adaptaranse en todo momento aos horarios laborais e ás necesidades do servizo, garantindo a actividade asistencial como prioridade.

As empresas interesadas neste procedemento teñen ata o 5 de novembro para presentar as súas ofertas.

Actuacións

No caso do centro de saúde de Serantes, o contrato ten como obxecto a dotación dun sistema de climatización e ventilación para o edificio.

Por outra banda, no caso do centro de saúde Fontenla Maristany, o expediente ten como obxecto a instalación dun novo cadro eléctrico para as unidades exteriores de climatización, situado no patio exterior do primeiro andar.

Tamén a instalación de novos cadros eléctricos para o primeiro, segundo e terceiro andar, para a alimentación das unidades interiores de climatización e dos recuperadores de calor de nova instalación, así como as liñas eléctricas de alimentación correspondentes.

Data de actualización: 16/10/2026