A campaña de vacinación antigripal sen picada chega a 11 colexios da área de Vigo con máis de 4.200 escolares
A delegada da Xunta, Ana Ortiz, e a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, visitaron o Colexio Lar xunto á subdirectora de Enfermería da área sanitaria viguesa, Carmen Soto
Mos (Pontevedra), 16 de outubro de 2026
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, e a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, visitaron este venres xunto á subdirectora de Enfermería da área sanitaria viguesa, Carmen Soto, o Colexio Lar no que un total de 425 escolares recibiron a vacina antigripal sen picada.
A representante autonómica explicou que a Xunta deu inicio esta semana á segunda edición do proxecto piloto de vacinación antigripal escolar que leva a vacina intranasal, sen picada, a 75 centros educativos (11 na área de Vigo) para chegar a 26.536 escolares (4.237 na área viguesa) co obxectivo de acadar unha cobertura infantil do 60 %.
Na área sanitaria de Vigo, os colexios participantes son 11. Na cidade de Vigo participan o CEIP García Barbón, o CEIP Lope de Vega, o CEIP Pintor Laxeiro, o CEIP Seis do Nadal, o CPR Plurilingüe Apóstol Santiago e a EEI Vila Laura. Así mesmo, tamén participan o CEIP Plurilingüe de Reibón en Moaña, o CPR Plurilingüe Lar, en Mos, o CRA María Zambrano do Rosal, o CRA Raíña Aragonta de Salceda de Caselas, e o CEIP Plurilingüe Infante de Borbón de Salvaterra de Miño.
A campaña de vacinación fronte á gripe e á covid empezou o 28 de setembro polas residencias de maiores e centros sociosanitarios e o próximo luns 19 de outubro estenderase ás persoas de 70 ou máis anos e aos profesionais sanitarios. Posteriormente, o 2 de novembro, a Xunta continuará coa vacinación das embarazadas e o día 9 de novembro coas persoas a partir de 60 anos.