Román Rodríguez destaca o novo edificio do CIFP Vilamarín como unha oportunidade para que o centro continúe medrando como referente no sector

O conselleiro de Educación, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, participa na inauguración da ampliación dos talleres de cociña

A Xunta investiu preto de 800.000€ nesta actuación, que completa a conversión de Vilamarín en centro integrado de FP para reforzar a súa especialización

Vilamarín (Ourense), 9 de maio de 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, participou hoxe na inauguración dos novos talleres de cociña do Centro Integrado de FP Vilamarín, en cuxa ampliación a Xunta investiu preto de 800.000€.

O titular do departamento educativo do Goberno galego destacou esta actuación como “unha oportunidade para que o CIFP Vilamarín poida seguir medrando como referente no sector da Hostalaría e turismo, familia profesional na que se centra desde hai anos”. “De feito –engadiu– a ampliación vén completar a súa conversión en centro integrado de FP, un paso que desde a Xunta decidimos dar o pasado curso para reforzar a súa especialización, apostando ademais pola hostalaría sostible de quilómetro 0”.

A ampliación tivo como principal finalidade solucionar a falta de espazo nos talleres de cociña, nomeadamente no referido á area de pastelería. Para iso, construíuse un novo edificio pegado ao actual na parte norte, cunha superficie de 955m² construídos. Na planta soto sitúanse os vestiarios e zonas destinadas a materiais de limpeza, mentres que a baixo cuberta se dedica a almacenaxe de material e distintos utensilios de cociña.

A planta baixa, con acceso desde a zona de cociñas existente, está dotada de tres aulas-taller, unha delas de panadería e as outras dúas de pastelería. Conta, ademais, cun despacho dedicado á venda de produtos realizados nas aulas e un corredor traseiro para sacar o lixo e os refugallos sen interferir coa actividade docente.

A actuación enmárcase na segunda fase do Plan de nova arquitectura pedagóxica, que eleva a preto de 500M€ o investimento en obras de mellora en centros educativos do Goberno galego ao abeiro desta folla de ruta. Na súa primeira fase, esta folla de ruta supuxo 620 actuacións nos centros da provincia de Ourense.

Oferta formativa

O CIFP Vilamarín ofertou este curso unha ducia de ciclos de FP de grao básico, medio e superior centrados, case en exclusiva, na familia profesional de Hostalaría e turismo, tanto no réxime ordinario como no modular para persoas adultas e na FP Dual Intensiva. Este curso incorporou os ciclos de FP Dual Intensiva básico en Aproveitamentos forestais e medio en Servizos de restauración.

O centro acolle tamén alumnado do programa Retorna Talento FP, co que o Goberno galego facilita que os galegos do exterior poidan volver á súa terra de orixe para mellorar a súa cualificación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/05/2025