A Consellería de Sanidade renova a composición do Consello Interdepartamental de coordinación para a prevención e atención das condutas suicidas
A Xunta ten entre as súas prioridades a mellora da atención á saúde mental para ofrecer a máxima calidade asistencial aos pacientes
Este consello interdepartamental é un órgano colexiado de carácter consultivo, de estudo, coordinación, seguimento e asesoramento
A Xunta, ten en marcha o Proxecto YAM, iniciativa pioneira de prevención do suicidio dirixida ao alumnado de secundaria, no que máis de 20 instrutores se formaron para impartir os seus coñecementos en preto dun centenar de centros educativos galegos
Santiago de Compostela, 13 de maio de 2025
O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a resolución da Consellería de Sanidade pola que se renova a composición do Consello Interdepartamental de Coordinación para a prevención e atención das condutas suicidas, organismo creado por medio do Decreto 21/2019 do 14 de febreiro, que está composto por unha presidencia, unha vicepresidencia e doce vogalías.
Tal e como se recolle na resolución hoxe publicada, noméase como novas integrantes do Consello a Almudena Díaz Pereira, subdirectora xeral de Atención á Saúde Mental do Servizo Galego de Saúde, que será a vicepresidenta do Consello; e a Isabel Sánchez Fernández, traballadora social da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, que exercerá unha vogalía.
Este Consello é un órgano colexiado de carácter consultivo, de estudo, coordinación, seguimento e asesoramento. Entre as súas funcións está a supervisión da elaboración e seguimento da implantación do Plan de prevención do suicidio en Galicia; a formulación dunha proposta anual ante as respectivas institucións das medidas que se levarán a cabo en relación coa prevención e actuación ante as condutas suicidas, así como a supervisión de evolución das medidas, actuacións e compromisos que se establecen no Plan de prevención.
A Xunta ten entre as súas prioridades a mellora da atención á saúde mental para ofrecer a máxima calidade asistencial aos pacientes. O Goberno galego, consciente do incremento dos problemas de saúde mental desde a pandemia, desenvolveu un Plan de Saúde Mental 2020-2024 dotado con 83 millóns de euros, no que se incluíron as propostas dos profesionais, asociacións e federacións de pacientes e que permitiu a creación dunha unidade de hospitalización de agudos infanto-xuvenil en Vigo, que complementa á de Santiago e aos hospitais de día de saúde mental infanto-xuvenil das sete áreas, ademais da creación de preto de 250 prazas de especialistas en saúde mental e a mellora das ratios de psicólogos clínicos e de psiquiatras.
A Consellería de Sanidade xa traballa nun novo Plan de saúde mental que continúe impulsando e mellorando este modelo de atención e que permitirá, entre outras medidas, que os centros de saúde conten con persoal de psicoloxía clínica.
Proxecto YAM
No marco do desenvolvemento do dito plan, o Executivo acordou traballar no obxectivo de promover a saúde mental na infancia e previr os intentos de suicidio na poboación infantil e adolescente, elaborando unha actualización do protocolo de prevención e actuación nos ámbitos sanitario e educativo ante o risco suicida infanto-xuvenil.
Ao abeiro desta iniciativa, decidiuse levar a cabo o programa YAM de prevención universal dirixido ao alumnado da ESO co obxectivo de diminuír a incidencia da conduta suicida e mellorar as estratexias de busca de axuda, estando identificada esta iniciativa como o modelo de intervención máis eficaz, de acordo as recomendacións da OMS e Save the Children.
Para o desenvolvemento do YAM, a Xunta contou cun financiamento de dous millóns de euros, a través do Fondo Social Europeo. Así, o traballo colaborativo entre as Consellerías de Educación e a de Sanidade está a levar aos centros de secundaria un programa que amplía os recursos que xa incorporan o Plan de prevención do suicidio en Galicia e, nomeadamente, o Plan de saúde mental de Galicia 2020-2024. A través deste proxecto, máis de 20 instrutores formáronse para impartir os seus coñecementos en preto dun centenar de centros educativos galegos.
Ademais, a Consellería de Sanidade e o Colexio de Xornalistas puxeron en marcha un grupo de traballo sobre saúde mental e comunicación, integrado por psicólogos, psiquiatras e xornalistas, que están a avanzar no seu propósito de elaborar unha guía de boas prácticas sobre o tratamento informativo da conduta suicida. Este proxecto forma parte do obxectivo do departamento sanitario galego de contribuír á sensibilización e desestigmatización social das enfermidades de tipo mental.