A Xunta colabora co I Torneo Muralla Romana de Ximnasia Rítmica que o club Star Dance organiza este domingo en Lugo
Lugo, 14 de maio de 2025
A Xunta de Galicia colabora co club Star Dance na organización do I Torneo Muralla Romana de Ximnasia Rítmica, que celebrarán este domingo, día 18, no Pazo dos Deportes de Lugo. O evento foi presentado hoxe nun acto no que participou o delegado territorial, Javier Arias.
O campionato desenvolverase ao longo de todo o día. Pola mañá celebraranse as probas de nivel escolar, individual e por grupos. Abrirán a xornada vespertina os conxuntos de promoción nas categorías prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete, xuvenil e master; e pecharán o torneo os conxuntos prebase de alevín, infantil, cadete e xuvenil.
Arias gabou a iniciativa e o labor de Star Dance para posicionar a Lugo como un referente en disciplinas que teñen cada vez maior implantación en Galicia. Neste sentido, lembrou que a Xunta e o club tamén colaboraron este curso no desenvolvemento do programa de deporte escolar Xogade, ofrecendo clases de iniciación ao hip hop dentro das actividades de promoción fixadas para o primeiro trimestre.