A Xunta reclama que a nova PAC dispoña de recursos suficientes para seguir apoiando o sector primario

A conselleira do Medio Rural reuniuse en Bruxelas co director xeral adxunto en funcións da Dirección Xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural da Comisión Europea e director de Indicacións Xeográficas, Promoción e Investigación, Diego Canga

María José Gómez asegurou que o obxectivo é que a comunidade dispoña dun fondo propio suficientemente dotado para que o medio rural galego poida ser económica e ambientalmente sustentable no contexto global 

Lembrou as particularidades que presenta o sector agroalimentario galego e as singularidades do seu territorio, dous factores que inciden directamente no traballo dos produtores agrogandeiros

En relación coa nova política arancelaria instaurarada polos Estados Unidos, considera esencial habilitar canles de diálogo e entendemento entre os distintos actores de cara á eliminación de aranceis recíprocos nos produtos do sector primario

Bruxelas, 14 de maio de 2025

A Consellería do Medio Rural vén de solicitarlle á Comisión Europea que a nova PAC dispoña de “recursos suficientes e dun fondo propio forte e suficientemente dotado” para seguir a apoiar o medio rural de Galicia, co obxectivo de que poida ser económica e ambientalmente sustentable no contexto global. Así o trasladou a titular deste departamento, María José Gómez, nunha xuntanza co director xeral adxunto en funcións da Dirección Xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural da Comisión Europea e director de Indicacións Xeográficas, Promoción e Investigación, Diego Canga, na que estivo acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte.

Nesta reunión, María José Gómez lembrou as particularidades que presenta o sector agroalimentario galego e as singularidades do seu territorio, dous factores que, segundo dixo, inciden directamente no traballo dos produtores agrogandeiros e requiren que o deseño da nova PAC preste atención ás especificidades de cada territorio, para así garantir a continuidade dunha actividade agrongadeira sustentable.

Neste sentido, Galicia vén tamén reclamando unha simplificación da PAC para que esta se adapte ás necesidades dos gandeiros galegos; unha cuestión de absoluta prioridade para o Executivo autonómico. Hoxe mesmo preséntase un novo paquete de simplificación na Comisión Europea. Así, a conselleira amosou a súa vontade porque o novo paquete de simplificación que se presenta hoxe sexa beneficioso para a nosa comunidade.

En relación coa nova política arancelaria instaurarada polos Estados Unidos, a conselleira do Medio Rural considera esencial habilitar canles de diálogo e entendemento entre os distintos actores de cara á eliminación de aranceis recíprocos nos produtos do sector primario. Así mesmo, o Goberno galego seguirá reforzando a promoción dos produtos agroalimentarios e apostando pola diversificación de mercados.

No caso concreto do sector vitivinícola, Gómez Rodríguez defende que é “imprescindible” reforzar e incrementar medidas de apoio cara ao sector; con liñas para a promoción dos viños na Unión Europea e en terceiros países, a reestruturación e reconversión de viña, impulso á innovación, modernización e dixitalización nas adegas; ademais do apoio para facer fronte  aos cambios da tendencia no consumo.

Xuntanza coa asociación de cooperativas

Posteriormente, María José Gómez mantivo unha reunión con representantes da asociación de cooperativas COPA-COGECA, na que abordaron a importancia do asociacionismo para o medio rural galego.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/05/2025