Medio Rural amplía a súa colaboración con Cáritas para impulsar a formación de persoas en risco de exclusión social

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, asistiu hoxe ao desenvolvemento dunha nova acción formativa no CFEA de Lourizán, organizada ao abeiro do convenio de colaboración con Cáritas Diocesana de Santiago

Esta iniciativa dá continuidade á experiencia iniciada no CFEA de Guísamo, confirma a boa evolución desta colaboración e abre a porta á súa extensión progresiva ao conxunto da rede de Centros de Formación e Experimentación Agroforestal de Galicia

O alumnado recibe 80 horas de formación práctica en mantemento de xardíns e zonas verdes e para a obtención do carné básico de aplicador de produtos fitosanitarios, co obxectivo de mellorar a súa capacitación e favorecer a súa inserción laboral

Pontevedra, 22 de xullo de 2026

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte, visitou hoxe o Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Lourizán, onde se está a desenvolver unha nova acción formativa para impulsar a formación de persoas en risco de exclusión social, organizada ao abeiro do convenio de colaboración subscrito con Cáritas Diocesana de Santiago.

Esta actividade constitúe a segunda formación levada a cabo, despois da experiencia desenvolvida no CFEA de Guísamo, e confirma a boa evolución dunha colaboración que aposta pola formación como ferramenta de inclusión social, de autonomía persoal e de creación de novas oportunidades laborais.

O curso está orientado ao mantemento de xardíns e zonas verdes e inclúe formación práctica no manexo de rozadoira e outra maquinaria de xardinaría. Complétase cun curso para a obtención do carné básico de aplicador de produtos fitosanitarios, de maneira que as oito persoas participantes reciben un total de 80 horas de formación teórica e práctica, adquirindo coñecementos e competencias que facilitan a súa incorporación ao mercado laboral.

Durante a visita, Alemparte destacou que “a formación é unha das ferramentas máis eficaces para crear oportunidades, favorecer a autonomía das persoas e facilitar a súa integración laboral”. Neste sentido, puxo en valor que esta iniciativa demostra que “cando se unen os recursos da Administración e o compromiso das entidades sociais é posible desenvolver proxectos útiles que melloran a vida das persoas”.

O director da Axencia salientou tamén que esta experiencia evidencia o potencial da rede de Centros de Formación e Experimentación Agroforestal de Galicia como un recurso público ao servizo da sociedade. “Os nosos CFEA nacen para formar aos profesionais do sector agrario, pero tamén poden contribuír a responder a outros retos sociais, poñendo o seu coñecemento, as súas instalacións e o seu persoal ao servizo das persoas que máis o precisan”, sinalou.

Nesta liña, avanzou a vontade da Consellería do Medio Rural de seguir impulsando novas accións formativas deste tipo noutros dos seus CFEA co obxectivo de ampliar as oportunidades de capacitación e inserción laboral de persoas en situación de vulnerabilidade e consolidar a rede pública de formación agraria como unha ferramenta de inclusión social, igualdade de oportunidades e desenvolvemento do territorio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/07/2026