Miguel Corgos destaca a contribución do sector asegurador ao desenvolvemento económico e social de Galicia

O conselleiro de Facenda e Administración Pública asegurou que a Xunta seguirá apostando por políticas públicas que proporcionen certezas aos axentes económicos e á cidadanía

Lembrou que ter aprobado os orzamentos permite seguir afondando nun modelo que está a permitir manter un crecemento económico sostido, con creación de emprego, á cabeza en esforzo investidor e cunha redución do endebedamento

Felicitou aos galardoados cos Premios Galicia Segura 2025, poñendo en valor o seu traballo, profesionalidade e boas prácticas

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2025

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, destacou hoxe a contribución do sector asegurador ao desenvolvemento económico e social de Galicia.

Durante o acto de entrega dos Premios Galicia Segura 2025, da Fundación INADE, Corgos asegurou que a Xunta seguirá apostando por políticas públicas que proporcionen certezas aos axentes económicos e á cidadanía, e que contribúan e apoien as súas decisións de consumo, de aforro e de investimento.

Nesta liña, lembrou que a estabilidade institucional que ten a Comunidade permite tomar decisións e desenvolver políticas, programas e actuacións sen máis condicionante que o interese xeral de Galicia, da súa cidadanía e das súas empresas. “E, precisamente por ter aprobado os orzamentos, na Administración autonómica podemos seguir afondando nun modelo, o Estilo Galicia, que nos está a permitir manter un crecemento económico sostido, con creación de emprego, á cabeza de España en esforzo investidor e sendo a administración que paga con máis axilidade aos seus provedores, todo isto cunha redución do endebedamento”, resaltou.

Así mesmo, subliñou que este modelo fai compatible un mix dun reforzo continuo dos servizos públicos fundamentais, acompañado de rebaixas selectivas de impostos que alivien a carga tributaria de familias e empresas.  

O conselleiro de Facenda aproveitou a súa intervención para felicitar aos premiados e poñer en valor o seu traballo, profesionalidade e boas prácticas. Así, de Ruiz Re Correduría de Seguros, con máis de 50 anos de traxectoria, resaltou que a súa aposta pola dixitalización, a formación e a responsabilidade social corporativa a converten nun referente do sector.

De Markel Insurance S.E. destacou o seu enfoque innovador na xestión de riscos e o seu apoio ao mediador profesional; e de Pool de Corredores, a súa protección aos mediadores de seguros con coberturas de responsabilidade civil, xestionando máis de 3.000 expedientes e 20 millóns de euros en indemnizacións.

Miguel Corgos referiuse tamén á galardoada María de las Mercedes Ayuso Gutiérrez, catedrática de Estatística Actuarial, subliñando a súa investigación en economía do avellentamento, clave para os sistemas de pensións e previsión social. E eloxiou os máis de 25 anos de experiencia no sector de Constanza Gállegos, directora xeral para España e Portugal en Berkshire Hathaway Specialty Insurance.

O conselleiro de Facenda concluíu felicitando a Jealsa, líder en conservas de pescado e marisco, premiada como Empresa Galega por implementar unha avanzada política de xestión de riscos centrada na seguridade, o medio ambiente e a continuidade do negocio, fortalecendo así o seu liderado no mercado. 

Corgos asegurou que todos eles son un exemplo a seguir desa “Galicia Calidade da que podemos presumir”.

Data de actualización: 14/05/2025