Galicia acolle por primeira vez a final estatal do programa de lanzamento de satélites da Axencia Espacial Europea

O Centro Integral de loita contra o lume de Toén foi o escenario elixido para a proba, na que o equipo andaluz Zephysat se alzou co primeiro premio

O Instituto IES Ferro Couselo de Ourense acolleu a defensa e a entrega de galardóns dos participantes de 15 comunidades autónomas

Ourense, 14 de maio de 2025

Galicia acolleu hoxe a final estatal do desafío CanSat, o programa educativo da Axencia Espacial Europea que propón ao alumnado construír e lanzar pequenos satélites. O equipo andaluz ZephySat proclamouse gañador da competición e representará a España na fase europea, que se desenvolverá nos Países Baixos no mes de xuño.

O secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Manuel Vila, e a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, participaron ao longo do día de hoxe nas diferentes fases do certame, desde o lanzamento dos satélites ata a defensa dos proxectos e a entrega dos premios. Ambos felicitaron os participantes polo seu esforzo e destacaron o valor desta iniciativa para achegar a mocidade á ciencia e á tecnoloxía a través dun enfoque práctico, motivador e cooperativo.

A xornada de lanzamento dos satélites tivo lugar pola mañá nas instalacións do Centro Integral de loita contra o lume de Toén, pechando así dous días de intensa actividade científica e educativa. Nestas xornadas os participantes, de entre 14 e 18 anos, tamén recibiron charlas e formación.

O Instituto IES Ferro Couselo de Ourense foi o escenario esta tarde da presentación dos proxectos e da entrega de premios, coa presenza de equipos procedentes de 15 comunidades autónomas. A cita celebrouse por primeira vez en Galicia, logo de ser escollida no Encontro Nacional de Nodos ESERO Spain, en recoñecemento á ampla traxectoria da nosa Comunidade no impulso das vocacións STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas) nas aulas.

Premiados por categorías

Xunto ao premio principal, recoñeceuse o labor doutros equipos nas diferentes categorías. Así, o equipo Omega Space (Murcia) obtivo o galardón ao mellor logro técnico, CanRocketSenara (Castela e León) ao mellor logro científico, RASA-JC (Comunidade de Madrid) ao equipo máis profesional, SticCansat (Illas Baleares) á mellor difusión e Astrolautas (Aragón) o premio honorífico.

O programa CanSat desafía ao alumnado a construír un satélite do tamaño dunha lata de refresco, incorporando sistemas reais de alimentación, sensores e comunicación. Estes dispositivos son lanzados desde altura mediante un dron, un globo ou outro método, e deben recoller e analizar datos durante o descenso, garantindo unha aterraxe segura. Trátase dunha proposta educativa que combina rigor técnico e creatividade, favorecendo a aprendizaxe baseada en proxectos e o desenvolvemento de competencias STEM.

Data de actualización: 14/05/2025