A Xunta comparte a súa experiencia en lexislación sobre a intelixencia artificial na Universidade de Castela-A Mancha

O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia impartiu unha charla no Curso de Formación Continua de Especialización en Dereito Administrativo e Intelixencia Artificial

Julián Cerviño explicou ao alumnado o modelo de goberno da IA en Galicia, que implica a supervisión e aprobación dos proxectos con esta tecnoloxía por parte dunha oficina que analiza os ricos

Toledo, 15 maio de 2025

O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, compartiu hoxe en Toledo a experiencia da Xunta de Galicia na lexislación sobre intelixencia artificial ante o alumnado do Curso de Formación Continua de Especialización de Dereito Administrativo e IA da Universidade de Castela-A Mancha.

Cerviño destacou o obxectivo da Xunta de situar a Galicia na vangarda no desenvolvemento e uso da IA con proxectos singulares, como a creación dun nodo de colaboración en torno a esta tecnoloxía no ámbito da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal; a atracción a esta Comunidade da Axencia Estatal de Supervisión da IA; ou a propia elaboración da Lei para o Desenvolvemento e Impulso da IA, que é a primeira deste tipo que se adopta nunha rexión europea.

O director da axencia galega explicou ao alumnado do curso o modelo de goberno da IA regulado pola lei, que implica que calquera proxecto da Administración que utilice esta tecnoloxía debe contar coa supervisión e aprobación por parte dunha Oficina de IA que analiza os riscos e garante o cumprimento da lexislación. Os proxectos máis complexos, ademais, poderán ser sometidos ao análise por parte dunha comisión de asesoramento conformada por expertos.

O curso, no que participan arredor de 100 persoas, está dirixido a persoal empregado público da Xunta de Comunidades de Castela A-Mancha seleccionado pola Escola de Administración Rexional, así como a unha cota procedente doutras administracións e do sector privado.

 

Data de actualización: 15/05/2025