A Xunta licita por preto de un millón de euros a ampliación do colexio San Tomé de Cambados

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, explica que os traballos, enmarcados no Plan de nova arquitectura pedagóxica, comezarán este verán

A intervención abrangue a habilitación de novos espazos educativos, instalación de ascensor, mellora do ximnasio e da accesibilidade ás pistas cubertas

Cambados (Pontevedra), 16 de maio de 2025

A Xunta de Galicia licita hoxe as obras de ampliación do colexio CEIP San Tomé de Cambados, por un importe de case 1M€, unha intervención que suporá unha mellora cualitativa para a comunidade educativa deste centro da comarca do Salnés que acolle un total de 385 alumnos de Infantil e Primaria.

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, visitou hoxe o centro acompañado polo delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, para dar conta da obra que vai acometer o seu departamento ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica de Galicia.

Román Rodríguez sinalou que, unha vez adxudicado, prevese que as obras poidan comezar entre finais de xullo e principios de agosto. Dado que o prazo de execución é de nove meses, os traballos vanse compatibilizar coa actividade académica durante o curso escolar e, para isto, os técnicos elaboraron un plan de obra de xeito que non se interfira no desenvolvemento lectivo.

Descrición da intervención

A intervención da Consellería de Educación para a ampliación deste centro inclúe a recuperación dun espazo do faiado da cuberta da planta baixa, actualmente en desuso, que se integrará como unha continuación da segunda planta existente. Isto permitirá contar cunha superficie a maiores de 397,5m² nos cales se albergarán dúas novas aulas, unha biblioteca con sala de radio e dúas aulas de desdobre.

Esta ampliación, segundo o conselleiro, vai “manter a continuidade visual e estética” coa zona xa existente, posto que se replicarán as fachadas, ocos, materiais, cor, aleróns e cuberta da edificación orixinal. Nesta zona, para mellorar a accesibilidade entre plantas, prevese a instalación dun ascensor no oco central da escaleira principal.

No que atinxe á accesibilidade, tamén se actuará na parte do acceso ás pistas cubertas e á área de xogo, ás que ata o de agora só se pode chegar polas escaleiras. Así pois, nesta zona instalarase un sistema de pasarelas que garante o acceso a persoas con mobilidade reducida sen necesidade de axuda a maiores.

Finalmente, atendendo a unha petición expresa do centro educativo, tamén se vai aproveitar para elevar o chan do ximnasio co fin de eliminar a barreira arquitectónica e igualar as cotas de acceso a este espazo.

Compromiso con Cambados

Román Rodríguez subliñou que esta obra é a de “maior envergadura” en materia educativa nos últimos anos en Cambados, e reflicte o compromiso da Consellería de Educación coa “mellora  continua” das infraestruturas educativas neste concello. Non en balde, tan só o ano pasado realizáronse obras en catro centros por un importe de preto de 200.000€, cifra que se eleva a case 4M€ desde 2009.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/05/2025