O conselleiro de Sanidade, acompañado da delegada territorial da Xunta e da xerente da área sanitaria de Ferrol, visitou as obras deste centro da rede do Servizo Galego de Saúde

Gómez Caamaño avanza que o hospital de día de saúde mental infanto-xuvenil do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol entrará en funcionamento este outono

Tal e como remarca o conselleiro, o novo hospital de día permitirá ofrecer atención especializada nun espazo terapéutico seguro cun completo equipo profesionais

Destaca a actividade da unidade de saúde mental que, no pasado ano, realizou preto de 5.200 consultas

A nova unidade de saúde mental contará cunha superficie de 800 m2, dos que 540 será para hospital de día e 270 para consultas externas, tras un investimento da Xunta de 460.000 euros

Subliña que a Xunta xa traballa no novo Plan de Saúde Mental que continuará a impulsar e mellorar este modelo de atención iniciado logo da pandemia da covid e que prevé que os centros de saúde conten con persoal de psicoloxía clínica

Ferrol, 16 de maio de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, avanzou hoxe que o hospital de día de saúde mental infanto-xuvenil do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol entrará en funcionamento este outono.

O titular da carteira sanitaria do Executivo galego, acompañado da delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e da xerente da área sanitaria, Fernanda López, visitou as obras deste hospital de día que acadan un grao de execución do 25 %, e a previsión é que estean rematadas en agosto para, posteriormente, acometer a ordenación necesaria previa á apertura.

Gómez Caamaño remarcou que o novo hospital de día suporá a creación dun espazo terapéutico seguro, que permitirá ofrecer atención especializada á infancia e á adolescencia. A tal efecto, contará cun completo equipo profesional composto por un psiquiatra, un psicólogo clínico, unha enfermeira e unha traballadora social.

O conselleiro remarcou que a Xunta dotou esta área sanitaria dunha unidade de saúde mental infanto-xuvenil xa no ano 2018 co fin de ofrecer unha atención específica aos pacientes menores de 16 anos.

Ao respecto incidiu en que esta unidade ten unha actividade moi notable posto que, no pasado ano, realizou preto de 5.200 consultas de psiquiatría e psicoloxía, contando con enfermería especializada e cunha vía rápida de prevención do suicidio.

Gómez Caamaño incidiu en que, como consecuencia do incremento da demanda asistencial e da vontade da Xunta de reforzar a atención a estes pacientes prioritarios, o Goberno galego decidiu dotar a unidade dun novo espazo máis amplo e coas instalacións axeitadas para albergar o hospital de día previsto no Plan de Saúde Mental.

Deste xeito, impulsáronse as obras que foron licitadas en outubro do pasado ano por un importe de 460.000 euros e que comezaron a súa execución no mes de xaneiro. Esta nova unidade de saúde mental situarase no primeiro andar do Hospital Naval e contará cunha superficie de 800 m2.

A nova unidade estrutúrase en dúas fases, activándose na primeira delas o hospital de día, cunha superficie de 540 m2, e unha segunda, na que se porán en marcha as consultas externas, que contarán con 270 m2.

Fortalecemento da saúde mental

Na súa visita ao hospital de Ferrol, o conselleiro referiu que este proxecto se enmarca na rede que está a poñer en marcha a Xunta para fortalecer a saúde mental, con especial énfase na atención á mocidade.

Deste xeito, grazas ao Plan de Saúde Mental pos covid 2020-2024, que contou cun investimento de 83 millóns de euros, a Xunta creou 244 prazas de profesionais e mellorou as ratios de atención chegando a 8,6 psiquiatras e 5,2 psicólogos clínicos por cada 100.000 habitantes.

Esta folla de ruta do Goberno galego permitiu ampliar os servizos destinados á saúde mental así como reforzar a atención especializada, coa posta en marcha de unidades de prevención intensiva do suicidio nas setes áreas sanitarias, ademais de impulsar os novos hospitais de día infanto-xuvenís.

Xunto ao anterior, o conselleiro destacou a posta en marcha do programa YAM de promoción da saúde mental e prevención do suicidio no alumnado da ESO, realizado en colaboración coa Consellería de Educación, que está a ter moi boa acollida na comunidade escolar.

Para rematar a súa intervención, o titular da carteira sanitaria remarcou que a Xunta xa traballa no novo Plan de Saúde Mental, que vai continuar a impulsar e mellorar este modelo de atención, posibilitando, entre outras medidas, que os centros de saúde conten con persoal de psicoloxía clínica.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/05/2025