Román Rodríguez anuncia a adxudicación do cambio de cubertas do centro público integrado Julia Becerra Malvar de Ribadumia por máis de 230.000€

O conselleiro de Educación destaca que esta actuación, que se prevé comece en xullo, eleva o investimento no centro a máis de 1M€

O titular do departamento educativo da Xunta visita tamén o Instituto IES Vilalonga, en Sanxenxo, para coñecer os diferentes proxectos educativos que desenvolve

Ribadumia (Pontevedra), 16 de maio de 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou hoxe o Colexio Centro Público Integrado CPI Julia Becerra Malvar, en Ribadumia, onde anunciou a adxudicación do cambio de cubertas do centro por máis de 230.000€. Na visita, na que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, o titular de Educación explicou que a previsión é comezar as obras no mes de xullo co fin de que estean rematadas no terceiro trimestre do ano, posto que teñen un prazo de execución de tres meses.  

Tal e como sinalou o responsable do departamento educativo da Xunta, “o obxectivo da intervención é mellorar a eficiencia enerxética do colexio e, con isto, o confort térmico diario da comunidade educativa”.

A actuación consiste na substitución do material de cubrición das cubertas de tres bloques do centro, que na actualidade son de tella cerámica, por panel sándwich de cor vermella, a mesma empregada na reforma do resto do edificio hai uns anos, á que se dedicou máis de 840.000€. Polo tanto, o investimento recente da Xunta no centro supera xa o millón de euros. 

Co fin de facilitar os futuros mantementos nas cubertas, executaranse tres claraboias de oco 60x60cm, unha por cada bloque reformado, ademais dun acceso ao forxado baixo cuberta na parte que carece del. Tamén se colocará un canlón en aceiro inoxidable de grandes dimensións entre dous dos bloques. 

As obras enmárcanse no Plan de nova arquitectura pedagóxica, a folla de ruta da Xunta para impulsar a modernización dos centros educativos galegos, incrementar a súa eficiencia enerxética e mellorar o benestar diario da comunidade educativa.

Visita IES Vilalonga

Posteriormente, o conselleiro de Educación trasladouse a Sanxenxo para visitar o Instituto IES Vilalonga co obxectivo de reunirse coa comunidade educativa do centro e coñecer de primeira man os distintos proxectos que están a desenvolver nas etapas de ESO, Bacharelato e FP que se imparten nel. 

Román Rodríguez agradeceu o traballo e a implicación de alumnos e profesores deste instituto, que conta con preto de 800 alumnos matriculados. Proba dilo é a participación en programas impulsados pola Consellería como os Club de Ciencia, Club de lectura, Navega con Rumbo ou o Plan Eduemprende, entre outros. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/05/2025