A Xunta invita aos cidadáns a coñecer o funcionamento do goberno a través da Semana da Administración Aberta
Desde mañá luns 19 e ata o sábado 24 de maio celebraranse diferentes xornadas de participación social para divulgar a súa actividade e os seus obxectivos
Santiago de Compostela, 18 de maio de 2025
A Xunta invita a todas as galegas e os galegos a coñecer o funcionamento do goberno e a Administración pública galega e a participar dos seus principios e valores a través da Semana da Administración Aberta.
Desde mañá, luns 19 e ata o sábado 24 de maio, a Consellería de Facenda e Administración Pública organiza diferentes actividades e xornadas de participación social na que se implican o conxunto das consellerías para divulgar os principios nos que se sustenta a Administración aberta: a transparencia, a rendición de contas, a participación cidadá, a integridade pública e a colaboración.
A Semana da Administración Aberta constitúe unha oportunidade única para que os cidadáns coñezan mellor o funcionamento das Administracións e os valores que rexen o Goberno aberto, así como as ferramentas de participación cidadá na elaboración, planificación e execución das políticas públicas.
Implicación de toda a Administración autonómica
O programa conta con visitas, charlas, xornadas e webinarios guiados por conselleiros e outros altos cargos da Administración autonómica e abertos á participación dos galegos e galegas interesados en coñecer con máis detalle os temas abordados.
Os horarios, contidos e localizacións pódense consultar no portal de transparencia desde mañá, luns (https://transparencia.xunta.gal/a-transparencia/goberno-aberto/semana).
Esta iniciativa enmárcase na semana organizada pola Alianza do Goberno Aberto, da que España forma parte desde 2011, para dar máis participación aos cidadáns, utilizar as novas tecnoloxías para fortalecer a gobernanza e facilitar o acceso á xustiza, e construír institucións eficaces, inclusivas e transparentes.