A área sanitaria de Vigo contará cun novo servizo de acompañamento hospitalario tras o acordo entre a Xunta, a universidade e seis entidades sociais
A colaboración entre a Xunta de Galicia, a Universidade de Vigo e seis entidades impulsa este programa de acompañamento que mellorará a calidade de vida e o benestar dos pacientes desta área sanitaria
Desde o ano 2020, a Consellería de Cultura desenvolve esta iniciativa nas áreas sanitarias de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos e de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, acumulando unha participación de 140 voluntarios
A secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade agradece a implicación e a solidariedade do conxunto persoas e entidades que facilitan a estancia nos centros hospitalarios galegos
Vigo, 19 de maio de 2025
A secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato, asistiu esta mañá, no Hospital Público Álvaro Cunqueiro, á sinatura dos acordos de colaboración entre a Xunta de Galicia, a Universidade de Vigo e seis entidades sociais para a posta en marcha do novo servizo de acompañamento hospitalario na área sanitaria de Vigo.
Acompañada pola directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, e polo xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, Lobato agradeceu ás entidades e aos seus voluntarios a súa implicación nunha iniciativa que mellorará o benestar dos usuarios da rede sanitaria pública galega.
Así, entre as entidades que conformarán a rede de voluntariado atópanse a Asociación Española Contra o Cancro (AECC), a Asociación de cáncer infantil e xuvenil de Galicia (ASANOG), a Acción solidaria de Galicia (ASDEGAL), a Asociación Bicos de Papel, a Fundación ADRA e Cruz Vermella.
“Galicia é tremendamente xenerosa e solidaria e iniciativas como esta veñen mellorar a calidade de vida na nosa comunidade”, referiu a secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, poñendo en valor a importancia deste tipo de programas de acordo ao grande envellecemento da poboación galega e á alta porcentaxe de pacientes que sofren unha enfermidade crónica.
Desde o ano 2020, a Consellería de Cultura desenvolve esta iniciativa nas áreas sanitarias de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos e de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras. Así, ata o de agora, un total de 140 voluntarios teñen participado neste programa.