A Xunta destina case 21 M€ os vindeiros dous anos a financiar servizos e programas no ámbito da inclusión que leven a cabo entidades de iniciativa social

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, salienta que o orzamento desta orde sobe “case un 6%” con respecto á anterior

Financiará programas e servizos entre o 1 de maio deste ano e o 30 de abril de 2027

As subvencións poderán destinarse a “centros de inclusión e emerxencia social”, e a actuacións que favorezan a inclusión sociolaboral de poboación inmigrante, de persoas en situación ou risco de exclusión social e de persoas sen fogar

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2025

O Consello da Xunta autorizou hoxe unha nova orde de subvencións plurianuais para o período 2025-2027, dirixida a entidades de iniciativa social para a promoción de actividades de servizos sociais comunitarios e de inclusión social. A convocatoria contará, tal e como sinalou o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, cun orzamento de “20,8 millóns de euros, a cifra máis alta na historia da Comunidade”.

En concreto, segundo subliñou Calvo, o Goberno galego incrementa o importe total destas axudas en “case un 6%” —1,1 millóns de euros máis— “con respecto á anterior convocatoria”, que foi a de 2023-2025. A orde está cofinanciada parcialmente polo Fondo Social Europeo Plus 2021-2027 e a través dela financiaranse programas e servizos no ámbito da inclusión entre o 1 de maio deste ano e o 30 de abril de 2027.

As entidades de iniciativa social poderán destinar estes fondos ao funcionamento dos seus “centros de inclusión e emerxencia social, como comedores sociais, albergues ou centros de acollida”, apuntou Calvo. Tamén están destinados a programas e actuacións que favorezan “a integración e o acceso ao mercado laboral” de persoas inmigrantes e outras en situación ou risco de exclusión social.

Así mesmo, a convocatoria potencia novamente as medidas centradas na atención ás persoas sen fogar, cunha liña de achegas para apoialas e facilitar a súa inclusión residencial.

A Xunta volve darlle carácter plurianual a esta orde para responder ás necesidades das entidades, que deste xeito dispoñen dunha maior estabilidade na súa planificación e programación, e tamén reducen a súa carga administrativa. Na anterior convocatoria resultaron beneficiadas 104 entidades.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/05/2025