O presidente anunciou hoxe a licitación das obras dun novo tramo cun orzamento de 33 M€
Rueda destaca o impulso definitivo da Xunta á autovía Santiago- A Estrada coa licitación do segundo treito
Asegura que cando estea rematada, a finais de 2028, permitirá unir ambas localidades “en só 10 minutos”
Enmarca esta infraestrutura no obxectivo da Xunta de “vertebrar o territorio” e garantir que a maioría de galegos ten unha vía rápida preto do seu domicilio
Asegura que a “Galicia que funciona e a Galicia Calidade” faise apostando por mellorar as infraestrutura e servizos á cidadanía
O novo tramo abrangue 4 quilómetros , dende Pontevea (Teo) ata O Rollo, na Estrada
As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 24 de xuño, e prevese comezar as obras este outono
A Estrada (Pontevedra), 20 de maio de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou esta mañá nun acto institucional que supón a licitación do segundo tramo da execución da autovía AG-59, unha infraestrutura clave para a vertebración territorial de Galicia e a mellora da mobilidade entre Santiago de Compostela e A Estrada. “Agardamos que a finais de 2028 a autovía estea rematada e sexa unha realidade unir a capital e O Rollo en só dez minutos”, indicou.
Rueda salientou que a licitación supón un paso decisivo cara á culminación dun proxecto estratéxico que non só reducirá os tempos de desprazamento, senón que contribuirá á cohesión territorial e á igualdade de oportunidades en Galicia. Nesta liña, lembrou que a Xunta traballa desde hai anos para “ir vertebrando o país, igualando o territorio desde o punto de vista das comunicacións e garantir que gran parte dos galegos, vivan onde vivan, teñan preto unha vía rápida”.
Subliñou ademais que esta actuación exemplifica o modelo de goberno da Xunta, baseado no cumprimento de compromisos, a planificación responsables e o investimento real en servizos para as persoas.
O proxecto contempla a ampliación da autovía ata un total de 14 quilómetros, e conta cun orzamento de 69,6 millóns de euros. Actualmente, están en servizo 6,5 quilómetros, mentres que a Xunta xa está a executar outros 3,5 quilómetros entre A Ramallosa e Pontevea (Teo), cun investimento de 36 millóns de euros. Este treito atópase en obras, e prevese que estea rematado cara finais de 2025.
O anuncio de hoxe céntrase na licitación do segundo treito, de 4 quilómetros, entre Pontevea e O Rollo, cun orzamento de 33 millóns de euros. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 24 de xuño, e o inicio das obras resultantes está previsto para este outono, cun prazo de execución que se estenderá ata o ano 2028.
Esta actuación enmárcase nunha estratexia más ampla da Xunta para modernizar e conservar a rede viaria galega, combinando novas construcións con políticas de mantemento baseadas na eficiencia, a sustentabilidade e a seguridade. Rueda afirmou que Galicia conta cunha das redes máis avanzadas do Estado, e resaltou o compromiso do Goberno galego en continuar investindo para garantir unha mobilidade equilibrada e adaptada as necesidades reais do territorio. “A Galicia que funciona, a Galicia Calidade faise tamén con este tipo de pasos”, resaltou.